DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Universidade e a Socepa, terá lugar do 3 ao 5 de xullo no Pazo da Cultura

Un congreso reunirá en Pontevedra máis de 200 especialistas en parasitoloxía

O programa inclúe dez mesas redondas e a presentación de máis de 250 investigacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/06/2019

Malaria, leishmaniose, triquinose, toxoplasmose, chagas... son algunhas das enfermidades transmitidas por parasitos, eixo de análise do XXI Congreso da Sociedade Española de Parasitoloxía (Socepa) e Intereuropeo de Parasitoloxía, que entre o 3 e o 5 de xullo reunirá no Pazo da Cultura de Pontevedra máis de 200 expertos e expertas neste eido. Organizado polo Laboratorio de Parasitoloxía da Universidade de Vigo e a Socepa, o evento afondará nos múltiples ámbitos de traballo dunha disciplina “que estuda os parasitos e a súa influencia na saúde humana e animal”, como explica a catedrática da Universidade de Vigo e presidenta do Comité Organizador, Cristina Arias. Dez mesas redondas e a presentación de máis de 250 comunicacións e paneis integran o programa dun evento que reunirá en Pontevedra “aos expertos en parasitoloxía máis importantes de España”, xunto con investigadores e investigadoras de Portugal, Italia, Brasil, Venezuela e Bolivia. 

“O congreso abrangue moitas áreas, na parasitoloxía hai moitos campos importantes e temas que parece que son irresolubles, como a vacina para a malaria”, salienta Arias, que este xoves presentou na Vicerreitoría do campus o programa do congreso que coordina xunto cos investigadores do Laboratorio de Parasitoloxía da Universidade José Manuel García Estévez, director da Ecimat, e Raúl Iglesias. No evento, engade a tamén vicepresidenta da Socepa, participarán investigadores e investigadoras “de todas as universidades españolas e dos principais centros de investigación” neste ámbito, así como representantes da Rede de Investigación Cooperativa en Enfermidades Tropicais (RICET) e da Sociedade Española de Medicina Tropical e Saúde Internacional (Semtsi).

Trátase así mesmo, explicou, da primeira vez que a Universidade de Vigo promove este congreso bienal, así como a segunda ocasión que este ten en lugar en Galicia, despois da edición que celebrou en Santiago de Compostela en 1995.

Múltiples focos de análise

A través de dez mesas de debate, nas que participarán máis de 60 expertos e expertas, o congreso porá o foco en múltiples ámbitos de estudo, como os tratamentos e resistencias, “xa que os parasitos adáptanse con moita facilidade aos medicamentos”, a loita e control dos chamados vectores, os animais que transmiten as enfermidades, ou os procesos parasitarios en produción animal e as patoloxías que poden transmitirse a humanos. O congreso contará así mesmo cunha mesa centrada na leishmaniose e na enfermidade de chagas, á vez que abordará os problemas que as enfermidades transmitidas por parasitos poden supor na acuicultura. A reposta inmunitaria e a vacinación, a diagnose e a presenza de parasitos no medio ambiente e nos alimentos serán outros dos temas de análise nun congreso que dedica así mesmo unha das súas mesas a debater sobre a propia situación da docencia neste ámbito en España.

A conferencia inaugural deste congreso correrá a cargo do investigador Álvaro Martínez, da Universidad de Córdoba, que falará das dificultades que implica o desenvolvemento de vacinas para facer fronte a enfermidades producidas por parasitos pluricelulares en animais de gandería. Antonio Murio, profesor da Universidad de Salamanca, impartirá a conferencia de clausura, titulada Parasitos e cores, dun evento que completan unha serie de sesións de presentación de comunicacións orais, nas que se defenderán un total de 84 estudos, aos que se suman outras 182 investigacións que se presentarán neste evento en formato de panel.

Un concurso de fotografía como novidade

No programa do congreso figura tamén a IV Xornada de Novos Investigadores, dirixida a dar visibilidade aos estudos de novos e novas especialistas, a través dunha mesa redonda centrada nas relacións entre parasito e hospedador. Por outra banda, o congreso incorpora por primeira vez ao seu programa un concurso de fotografía, que manterá aberta a presentación de imaxes ata a propia apertura do congreso.