DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As novas investigacións no ámbito deportivo debateranse en Pontevedra nun congreso internacional

Das consecuencias dunha contusión cerebral nun deportista á loita contra a obesidade infantil

O evento, que se desenvolverá entre o 8 e o 10 de maio, reúne cada ano a máis de 400 persoas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 17/03/2014

As consecuencias que unha contusión cerebral pode ter nun deportista profesional ou a importancia da actividade física para combater a obesidade infantil serán dúas das temáticas nas que se centrará o X Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e Educación Física, que entre o 8 e o 10 de maio reunirá en Pontevedra a expertos chegados de países como Estados Unidos, Brasil, Portugal ou Arxentina. Organizado polo Concello, a Vicerreitoría do campus, a asociación Sportis Formación Deportiva e o Departamento de Didácticas Especiais da Universidade da Coruña, o congreso que se desenvolverá no Pazo da Cultura ten como obxectivo servir coma punto de encontro coas novas liñas de investigación que no ámbito deportivo se están a desenvolver en diferentes partes do mundo.

“Trátase dun congreso aberto ás novas liñas de investigación, a calquera aspecto anovador relativo ás diferentes ciencias vinculadas ao deporte”, explica José Luis García Soidán, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e presidente do comité organizador dun evento que “nos últimos anos mantivo uns índices de asistencia de preto de 400 persoas, chegadas de diferentes partes de España e doutros países”. Dirixido tanto estudantes como a titulados e profesionais, este congreso trata de ofrecer cada ano “unha certa variedade temática que permita aos asistentes actualizar a súa formación, reciclarse e ver que posibilidades se lle poden abrir noutros campos de traballo”, apunta García Soidán. De aí que este foro, no que as conferencias e mesas de debate se completan cunha ducia de cursos de especialización, estea estruturado en seis áreas temáticas diferentes: saúde e hixiene; ocio e tempo libre; didáctica da educación física e o deporte; rendemento deportivo; xestión, organización e lexislación deportiva e ciencias sociais, antropoloxía, socioloxía e psicoloxía do deporte.

Da integración social a través do deporte ás contusións cerebrais

Esa variedade temática á que alude García Soidán faise patente no programa de conferencias deste congreso, que cada dous anos adopta un carácter internacional e do que o presidente do comité organizador destaca relatorios como o que impartirá Jorge Herrera, da universidade estadounidense de Florida, sobre as consecuencias da contusión cerebral no deporte. “Presentará unha serie de datos moi interesantes para saber se os deportistas profesionais que sofren un golpe na cabeza deben seguir xogando ou non e que consecuencias podería ter que o sigan facendo”, explica. Por outra banda, García Soidán tamén salienta a presenza de dous conferenciantes chegados desde Brasil, Vanildo Rodrigues, da Universidade Estadual de Maringá, e Amauri Bassoli, un representante do Ministerio de Deporte que presentará unha iniciativa do goberno deste país “que busca favorecer a integración de persoas en risco de exclusión social a través da práctica deportiva e que está a ter moi bos resultados”, relata García Soidán.

Doce cursos de especialización

Como complemento ás conferencias e debates, este congreso conta desde hai anos cunha serie de cursos de especialización “que o alumnado agradece moito xa que lles permiten coñecer técnicas anovadoras”, apunta García Soidán. Concretamente, desenvolveranse seis talleres de xeito simultáneo, en diferentes sedes, na tarde do xoves 8 e outros seis na mañá do venres 9. Nestes cursos de carácter práctico abordaranse temas como a xestión dunha entidade deportiva, a nutrición deportiva ou as alternativas deportivas de ocio e tempo libre, así como diferentes aspectos relativos á práctica de actividade física entre os nenos e e nenas, cuestión que terá unha especial relevancia nesta edición do congreso, dado os “actuais problemas de sobrepeso e obesidade infantil”, apunta García Soidán.

A presentación virtual de proxectos motiva máis do 10% das matrículas

Apunta García Soidán que o Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e Actividade Física é tamén “un espazo moi adecuado para que o alumnado poida dar a coñecer as súas investigacións”, unha cuestión á que, explica, sempre se lle prestou unha especial atención. De feito, a media de comunicacións e pósters presentados en cada edición sitúase entre as 100 e as 150, ao que contribúe o feito de que estea tamén aberto á presentación virtual, que permite “que a xente se matricule desde calquera país do mundo e mande o seu póster”. Unha vez as investigacións remitidas sexan aprobadas polo comité científico do congreso, “fíxase unha hora de presentación na que se expón o seu póster e os asistentes vanlle facendo preguntas ao investigador a través de Internet”, explica o profesor de Ciencias da Educación e do Deporte, que destaca a importancia que ten neste evento a modalidade a distancia, que en anteriores edicións supuxo máis do 10% das matrículas.