DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Emilia Seoane participou na segunda xornada

A conselleira Eures explica no Foro de Emprego da USC as claves da mobilidade laboral europea

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/11/2007
A conselleira Eures na Universidade de Vigo, Emilia Seoane, tomou parte este xoves no I Foro do Emprego celebrado na Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de facilitar a inserción e a promoción no mercado laboral dos titulados. Seoane, na súa condición de única conselleira da rede Eures no sistema universitario galego, participou na segunda xornada do foro, nunha sesión centrada en Formación, emprego e mobilidade na que tivo ocasión de explicar os pormenores da rede Eures para mobilidade laboral europea. A intervención de Emilia Seoane completouse coa presentación aos alumnos participantes no foro, do portal de emprego da comunidade europea.

No seu paso por Santiago de Compostela, a conselleira Eures mostrou as posibilidades que a rede ofrece para os titulados aos que se lles abre un amplio abano de posibilidades laborais nos países que forman parte da rede. A pesar de que nos últimos anos, aumentou o coñecemento que da rede existe ente os estudantes, Seoane considera que "aínda hai traballo por facer para mostrarlles que teñen posibilidades laborais máis alá das súas fronteiras". Desde a posición de privilexio que da estar na universidade líder en Galicia en mobilidade, a conselleira Eures, destaca o atractivo que por exemplo o mercado laboral galego, ten neste momento para os titulados portugueses ,algo que puido comprobar recentemente nun foro celebrado en Oporto.

Eures en detalle

Creada en 1993 por decisión da Comisión Europea, Eures, é unha rede de cooperación para o emprego e a libre circulación de traballadores que ten a finalidade de prestar servizos aos traballadores, empresarios e calquera cidadán que quera beneficiarse do principio de libre circulación de persoas. Para elo propociona información e asesoramento sobre ofertas e demandas de emprego, así como información sobre a situación e evolución do mercado de traballo e condicións de vida en cada país.