DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O titular de Medio Rural interveu en Ourense nun ciclo de conferencias sobre economía

O conselleiro Alfredo Suárez Canal aposta por paliar a crise cun cambio no modelo económico e un maior autogoberno

A rolda de relatorios remata o luns 19 con José Ramón Fernández Antonio

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 14/01/2009

O ciclo de conferencias O desenvolvemento económico de Galicia: propostas en tempos de crise prosegue buscando máis ideas que aporten unha solución a problemática económica que estamos a vivir. Este mércores día 14 foi a quenda de Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural, que aposta por “un modelo económico de acumulación e por unha maior cota de autogoberno” para saír da crise.
O conselleiro comezou o seu relatorio facendo “unha primeira reflexión de carácter académico e científico sobre a situación na que estamos para chegar, ao final, a esbozar liñas mestras de actuación de cara ao futuro” intentando fuxir dunha intervención “de carácter oportunista ligada a realidade electoral do momento que nos ocupa”. Así pois, Suárez Canal, partiu da caracterización da situación, para pasar seguidamente a ofrecer propostas e a visión que dende Galicia se tería que aportar neste momento.
Novamente José Carlos Yáñez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, acompañou ao convidado do día sinalando que o que se pretende con este ciclo “é que os compoñentes da comunidade educativa coñezan os problemas que temos na actualidade e cales son as ideas das forzas políticas para afrontalos”. Xunto co decano estiveron Alberto Vaquero García, secretario da facultade, e Santiago Lago, profesor de Economía aplicada, que destacou que “o equilibrio territorial pódese facer tamén cos debates e este primeiro ciclo de conferencias apunta nesa dirección”.

Caracterización da situación

“Á hora de caracterizar a situación é moi importante ir a unha diagnose non de síntomas senón de causalidade, é dicir, que é o que está a pasar e cales son as causas”, comezou Suárez Canal. Aínda que houbo outras situacións complexas, economicamente falando, “nunca tiñan producido un impacto tan grande en tantos países e sectores”. Para o conselleiro “estamos ante unha crise global do capitalismo na súa fase expansiva, unha crise producida polo propio modelo económico”. Esta problemática que afecta a todos os ámbitos da vida, “ao sector inmobiliario, a banca, aos mercados financeiros, á produción de alimentos e ao sector enerxético, entre outros”, fai que en definitiva “non esteamos ante unha crise, senón ante moitas”.
Por outra banda, o conselleiro, en referencia ao relatorio de Alberto Núñez Feijóo, indicou que “hai que cuantificar esta situación en termos relativos en función da contorna na que estamos e non facer comparacións absolutas sen sentido”. Para Suárez Canal “falar hoxe do paro e comparalo con cifras de hai cinco anos, cando non existía a profundidade da crise a nivel planetario, é facer oportunismo político”.

Visión do futuro

“A solución da crise pasa polo establecemento dun novo modelo económico, un modelo igualitario entre persoas e pobos”, declarou o conselleiro. Entre as súas propostas para saír desta situación salientou a “recuperación de ámbitos de decisión para a cidadanía e a capacidade de regular os mercados, a necesidade de políticas audaces no ámbito social, rematar coa deslocalización e modificar os estándares de produción e consumo”. Pero sobre todo é importante, segundo a opinión de Suárez Canal, que o novo sistema “se articule con transparencia”.
No tocante a Galicia, “os nacionalistas defendemos un modelo de acumulación e unha maior cota de autogoberno”. É clave para mellorar a realidade actual “o incremento da capacidade do sector público na intervención da economía”, afirmou.