DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús Vázquez gaba o sistema investigador que asegura “non podemos abandonar”

O conselleiro de Educación amosa o seu recoñecemento á investigación universitaria nunha visita á Ecimat

O reitor Salustiano Mato pide ao Estado instrumentos para consolidar investigadores

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/09/2012
De “piar do noso país” cualificou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, o sistema investigador galego e máis concretamente a investigación que se desenvolve nas universidades galegas que acaparan, lembrou, máis do 60% desa actividade. Unhas manifestación que Vázquez realizou hoxe no transcurso dunha vista á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, na que acompañado do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o director do centro, Ricardo Beiras, coñeceu en detalle as instalacións e a actividade que se desenvolve no centro inaugurado no ano 2006.

O conselleiro que xustificou a súa visita asegurando que se trataba “dun aplauso ao noso importante sistema investigador”, afirmou que cómpre seguir traballando para axudar aos grupos de investigación. Unha idea na que incidiu o reitor da Universidade de Vigo que sinalou que coa finalidade de consolidar ao persoal investigador “imos pedir que se racionalice o xeito de aplicar esta forma de parar a contratación pública”. Mato incluso foi máis alá para afirmar que “o Estado ten que darnos instrumentos, se facemos ben as cousas, para consolidar investigadores”.

Tanto o reitor como o conselleiro puxeron de manifesto a importancia da Ecimat dentro de Campus do Mar, “no que o goberno galego ten postas moitas esperanzas”, asegurou Jesús Vázquez, mentres que Salustiano Mato se referiu ao centro como “a punta de lanza do Campus do Mar que queremos que se concrete co seu desenvolvemento na ETEA”.

Aposta pola investigación universitaria

No transcurso da súa visita á Ecimat o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lembrou que a semana pasada o Consello da Xunta dera o visto e prace á sinatura de convenios de apoio ás instalacións tecnolóxicas para nova maquinaria e instrumental dos centros tecnolóxicos das tres universidades. Estes convenios por un importe total de tres millóns de euros, un para cada universidade, están enmarcados no Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), e supoñen, segundo Jesús Vázquez, “un esforzo necesario e xustificado que pon a Galicia case como única comunidade que fai esa aposta pola investigación universitaria”.

Pola súa banda o reitor Salustiano Mato, reiterou a aposta da Universidade de Vigo pola investigación, aínda en tempos de crise nos que “non cundirá o desalento”, dixo. O reitor vigués insistiu na necesidade de que “unha institución saneada e que ten recursos como a nosa poida seguir consolidando investigadores”. E é que segundo Mato “cada vez brillamos máis, pero ao brillar máis nos miran máis ollos e nos fichan a máis xente”, polo que cómpre que o Estado habilite instrumentos que permitan reter o talento formado.

Na súa visita á Ecimat, Vázquez e Mato estiveron acompañados polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria, María Jesús Tallón e os vicerreitores de Investigación, Asunción Longo e de Economía e Planificación, José Manuel González.

Preto de oito millóns de euros ingresados en catro anos

16 grupos de investigación conforman a Agrupación Estratéxica Oceanografía-ECIMAT que está formada na actualidade por 57 profesores, 26 investigadores e 42 investigadores en formación. Inaugurada en 2006 e con máis de 1000 metros de superficie, Ecimat ingresou entre os anos 2007 e 2011 en concepto de contratos, convenios e convocatorias, preto de oito millóns de euros. O labor investigador da Agrupación, desenvólvese arredor de catro Unidades Científicas, designadas en relación coas infraestruturas compartidas e as areas de coñecemento nas que se enmarca o traballo dos seus integrantes que son as unidades de acuicultura, de Ciencias da Terra, de Medio Mariño e de Oceanografía Biolóxica.

Co obxectivo de seguir achegando o traballo levado a cabo na Ecimat á realidade dos sectores produtivos, ademais dos contactos directos con empresas, desde o centro dáse tamén moita importancia as reunións de traballo organizadas por plataformas tecnolóxicas, asociacións profesionais e institucións de sectores relacionados co medio mariño.