DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rosa Quintana concretou co reitor a súa implicación no proxecto de Campus de Excelencia

A Consellería do Mar estuda a adhesión dos seus ciclos de FP ao Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/08/2010
Como aliado natural que é no camiño de que o Campus do Mar se converta en Campus de Excelencia Internacional, a conselleira do Mar, Rosa Quintana concretou co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a súa implicación e achegas nesta candidatura. Mato e Quintana avanzaron nunha xuntanza as diferentes vías de participación da consellería no Campus do Mar, entre elas a posibilidade de implicación dos centros de Formación Profesional que dela dependen. Neste sentido, o IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura) é o abandeirado con tres ciclos formativos: Técnico superior en produción acuícola; Técnico en operación de cultivo acuícola e Técnico en mergullo a media profundidade. Para o reitor, a concreción desta adhesión sería moi importante para “dotar á nosa proposta de máis potencia” entendida como unha liña de fortalecemento e integración que permita “a interrelación destes ciclos profesionais coa formación de grao e, sobre todo, coa Escola de Posgrao”.

Esta reunión serviu tamén para avanzar na integración do CIMA, Centro de Investigacións Mariñas, no proxecto do Campus do Mar. Segundo explica Mato, este acordo permitiría que o CIMA “se implique nos diferentes grupos e áreas transversais así como nos equipos máis específicos que se creen ao abeiro do Campus do Mar”.

A Consellería, ao fronte do Observatorio do Mar de Galicia

Por outra banda, o reitor da Universidade solicitoulle á conselleira Rosa Quintana a súa colaboración de xeito que sexa a Consellería a que lidere o Observatorio do Mar de Galicia, “un proxecto transfronteirizo que conxuga á perfección coa vertente internacional do Campus do Mar”, especialmente no que se refire á relación co Norte de Portugal, un dos aliados estratéxicos da Universidade na candidatura a Campus do Excelencia, “unha das súas potencialidades”. Este observatorio insírese no proxecto Raia, que ten como finalidade consolidar unha extensa rede de observación oceano-meteorolóxica na plataforma costeira da área transfronteiriza do Norte de Portugal e Galicia.