DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mato e Vázquez asinaron o contrato programa para a distribución por resultados para 2013-2015

Consellería e Universidade acordan os indicadores que determinarán o financiamento por obxectivos

Delimítanse 20 índices de mellora que fan especial fincapé na I+D, transferencia e internacionalizac

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 28/07/2011

Universidade de Vigo e Consellería de Educación deron este xoves un paso máis de cara ao financiamento por obxectivos das institucións de educación superior. O reitor, Salustiano Mato e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez asinaron o primeiro contrato programa para a distribución da subvención por resultados, tal como establece o Plan de Financiamento do SUG 2011-2015.

Con este acordo fíxanse os 20 indicadores de mellora repartidos en oito áreas de acción, que determinarán o financiamento por obxectivos para 2013-2015. Esta é unha das grandes novidades do Plan de Financiamento das universidades, que concede a prioridade dos ingresos segundo os resultados obtidos por cada unha das institucións académicas, fomentando a mellora da calidade nas universidades galegas, tanto na súa actividade docente como na investigadora, co fin de acadar as máximas cotas de excelencia.

Ao acto tamén asistiron, xunto co conselleiro e o reitor, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez.

Obxectivos do contrato programa

O contrato programa fixa 20 obxectivos de mellora relativos á adaptación das necesidades sociais; a docencia; a investigación; a transferencia de tecnoloxía; a proxección internacional; responsabilidade social; xestión; e os campus de Ourense e Pontevedra, que constitúen as oito áreas de acción. Nestes instrumentos de repartición recollerase a situación de partida e estableceranse os obxectivos de mellora de cada área. O cumprimento destes obxectivos será avaliado anualmente, ao longo do período vixencia deste contrato programa – anos 2011 e 2012 – e os seus resultados servirán, a partir do ano 2013, para asignar os recursos que correspondan á Universidade vinculados á subvención por resultados.

Obxectivos de mellora acordados e indicadores

Cos obxectivos de mellora acordados, a Universidade de Vigo comprometese a avanzar para consolidar a plena implantación do sistema docente e dos obxectivos do EEES; a formación de profesionais competitivos no contexto socioeconómico actual, incorporando os coñecementos, capacidades, habilidades e aptitudes que demanda unha economía e un mercado laboral en cambio permanente; potenciar a formación específica dos investigadores, como profesionais estratéxicos no proceso de modernización dunha economía competitiva na sociedade do coñecemento; asumir unha actividade de investigación con visibilidade nacional e internacional, sostible e xeradora de valor académico, social e económico; propiciar a capacidade tecnolóxica efectiva para incrementar a competencia empresarial e a renovación do tecido produtivo, nunha aposta decidida polo desenvolvemento económico baseado no coñecemento; innovar, contribuíndo de forma activa aos procesos de modernización e cohesión socioeconómica, asegurando o acceso universal, á divulgación e á valorización do coñecemento; asegurar o cumprimento dos principios básicos do plan: estabilidade financeira, equidade institucional, eficiencia e suficiencia; e finalmente incrementar, de maneira progresiva, a cantidade de recursos que se poden obter mediante concorrencia competitiva en base ao logro de obxectivos.

O panel recolle 20 indicadores que van de de o número de alumnos matriculados na súa opción preferida, o tempo medio en atopar emprego ou a taxa de graduación ata índices relacionados coa investigación como a produción científica, os programas de doutoramento con mención de calidade, os sexenios, as patentes, os ingresos de investigación por proxectos competitivos ou os ingresos por transferencia. Tamén atende este panel a datos como a cualificación do PDI, os alumnos de posgrao por graduado, os alumnos de intercambio, o número de meses de estancia en universidades estranxeiras, a acción social, o número de teses lidas en galego ou a porcentaxe de PAS en programas de formación, así como a implantación de sistemas de calidade da xestión. Finalmente valoraranse tamén varios indicadores relativos aos campus de Pontevedra e Ourense, como os alumnos matriculados na súa opción preferida, a produción científica nestes campus ou os sexenios.

Para o seguimento da execución do presente contrato programa e análise dos datos e dos resultados obtidos, crearase unha Comisión de Seguimento e avaliación.