DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao non superar o número de candidatos e candidatas o de prazas a cubrir

O Consello de Campus renova a súa composición sen que sexa necesaria unha votación

Cinco docentes e catro estudantes pasarán a formar parte deste órgano colexiado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 26/09/2014

Para o vindeiro martes 30 de setembro foran convocadas as eleccións nas que se decidiría o nome dos novos integrantes dos Consellos de Campus de Ourense e Pontevedra. Máis neste último non será preciso votar, posto que o número de candidaturas presentadas, tanto por parte do persoal docente e investigador como do alumnado, non é superior ao número total de prazas a cubrir. Por ese motivo, coa publicación, hoxe venres, da proclamación definitiva das candidaturas ponse peche ao proceso electoral, á espera do nomeamento de cinco docentes e catro alumnos como novos membros deste órgano colexiado de representación e coordinación do campus pontevedrés.

Xunto ao reitor, que o preside, o vicerreitor do campus, os decanos e directores das diferentes facultades e escolas e dous representantes do PAS, este órgano debía completarse coa elección de cinco docentes e cinco estudantes que formasen parte do Claustro universitario. No caso do PDI, dos 22 integrantes desde órgano que podían concorrer ás eleccións para entrar a a formar parte do Consello do Campus, foron cinco os docentes que presentaron a súa candidatura, e que, polo tanto, serán directamente proclamados novos membros deste órgano nas próximas xornadas. Concretamente, trátase de Lola Dopico, profesora da Facultade de Belas Artes; Adela García-Pintos, docente na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; José Luis García Soidán, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; Lois González, da Facultade de Fisioterapia, e Juan Picos, docente na Escola de Enxeñaría Forestal.

Catro representantes do alumnado e dous do PAS

No relativo ao alumnado, o campus de Pontevedra está representado no Claustro por cinco estudantes, dos que catro presentaron a súa candidatura ao Consello do Campus, do que tamén entrarán a formar parte sen necesidade de votacións. Trátase dous alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Micaela Campanini e Sara Iglesias, e doutros dous estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Tania Cid e Javier José Prieto.

Xunto a estes novos membros, tamén entrarán a formar parte do novo Consello do Campus os dous representantes do Persoal de Administración e Servizos que obtiveron un maior número de votos nas eleccións ao Claustro, que no caso de Pontevedra son Carlos Mollinedo e Xoán Manuel Cebro. Tanto os representantes do PAS como os do PDI formarán parte do Consello de Campus durante os próximos catro anos, mentres que os estudantes son elixididos por un período de dous anos.