DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas virtuais nas que participarán docentes, egresados e axentes do sector

O Consello da Cultura Galega revisa o papel da Facultade de Belas Artes no seu 30 aniversario

Por mor da situación sanitaria, os coloquios serán gravados e difundidos a través da rede

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/03/2021

Analizar o traballo realizado desde a Facultade de Belas Artes nos seus trinta anos de traxectoria, trazar unha valoración da situación actual e analizar as súas posibilidades de futuro son os obxectivos das xornadas que o Consello da Cultura da Galega (CCG) dedica a revisar o papel deste centro do campus pontevedrés no seu 30 aniversario. Promovidas pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG, estas xornadas desenvolveranse de xeito virtual entre o 15 de marzo e o 5 de abril e nelas participarán tanto docentes e egresados da facultade como outros axentes do sector artístico galego.

Como salienta o CCG, en setembro de 1990, coincidindo co nacemento da propia Universidade de Vigo, iniciaba a súa andaina a Facultade de Belas Artes, “centro que xerou unha serie de relacións entre artistas e axentes culturais que a converteron nun elemento imprescindible na paisaxe creativa da nosa contorna que tivo gran repercusión cara fóra”. Coordinada polo crítico e membro da Sección de Creación e Artes Visuais do CCG Ramón Rozas, as xornadas A Facultade de Belas Artes de Pontevedra 30 anos despois buscan promover unha “posta en común” respecto da importancia e o papel da facultade, “xuntando nun mesmo espazo a profesorado, alumnado, comisariado  e artistas”. Por mor da situación sanitaria xerada pola covid-19, as catro mesas de debate que integran estas xornadas serán gravadas previamente e emitiranse a través da web do CCG e as súas redes sociais nos días previstos, para logo pasar a formar parte da súa mediateca.

Catro semanas de conversas

A primeira das citas terá lugar o vindeiro luns 15 e abordará o papel exercido polo profesorado. Baixo o título de A pegada docente. Os Mestres artistas, Rozas moderará un coloquio no que participarán o profesor emérito e primeiro decano da facultade, Juan Fernando de Laiglesia, o fotógrafo e profesor Manuel Sendón e a artista e docente Marina Nuñez.

O 22 de marzo, unha conversa titulada Alumnado. Aprendizaxes e realidades! reunirá tres artistas formados na facultade Amaya González Reyes, Rosendo Cid e Basilisa Fiestras. Á semana seguinte, o luns 29, a historiadora da arte e docente da facultade Susana Cendán e os comisarios Ánxela Caramés e Ángel Cerviño protagonizarán un coloquio titulado Recepción da nova creatividade no ámbito artístico galego. Por último, estas xornadas clausuraranse o 22 de abril cun diálogo entre o decano da facultade, Xosé Manuel Buxán, a artista e docente Covadonga Barreiro e o ilustrador, animador e ex-alumno de Belas Artes David Fidalgo, que porá o foco nos retos de futuro de Belas Artes.

Como lembra o CCG, esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que leva a cabo a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello, que coordina Manuel Quintana Martelo e da que tamén forma parte o catedrático da Universidade de Vigo Jesús Pastor. Este foro súmase á súa vez a outra serie de actividades que diferentes institucións dedican á Facultade de Belas Artes con motivo do seu 30 aniversario, como a exposición Cultivar incertezas. Reformular o espazo / Conmocionar a mirada, que nestes meses pode visitarse no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).