DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do programa Ideas, financiarao cun millón de euros durante cinco anos

O Consello Europeo de Investigación selecciona un proxecto de xenética evolutiva do profesor David Posada como un dos máis ambiciosos e innovadores do continente

O seu traballo, seleccionado entre os 10000 presentados, afonda na evolución xenética das especies

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/06/2008

A Unión Europea tenta acabar coa fuga de cerebros, sobre todo cara os Estados Unidos, poñendo en valor os proxectos de investigación e as redes científicas propias con diversas medidas. Unha destas novidades é a iniciativa Ideas que, inserida no VII Programa Marco, ten como finalidade fortalecer a excelencia, o dinamismo e a creatividade da investigación europea e aumentar o atractivo de Europa para os mellores investigadores. Entre estes científicos sobranceiros, o Consello Europeo de Investigación seleccionou a David Posada, profesor do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía polo seu traballo sobre a evolución xenética. Segundo explica o propio investigador, o entrar a formar parte do programa Ideas despois do seu paso por Utah e Boston, supón “unha gran responsabilidade, xa que contarei co financiamento dun millón de euros para desenvolver o meu proxecto durante cinco anos para logo presentar os resultados ante unha comisión”. Aínda que a cantidade de traballo que o agarda é moita, tampouco pode ocultar a satisfacción que supón entrar a formar parte dun proxecto no que tan só entra a vangarda europea. “É un orgullo enorme, pero tamén un reto moi serio e a responsabilidade supera á ledicia”, destaca.
A Unión Europea trata, deste xeito, de apoiar proxectos ambiciosos e innovadores situando así ao vello continente na vangarda científica e converténdoo nun destino atractivo tanto para que os investigadores propios non marchen como para atraer aos de terceiros países.
Unha das grandes novidades na estrea do programa Ideas é a selección de investigadores mozos e non grupos, como se adoita traballar noutro tipo de iniciativas. A inversión desta aposta trata de proporcionar unha estrutura de financiamento competitiva a escala europea, sen reemplazar o financiamento nacional, para a investigación nas fronteiras do coñecemento realizada por equipos independentes.
Outra das características que salienta Posada é a competitividade, que considera básica para que nos países como España se poida acadar unha excelencia científica coma a dos países anglosaxóns. “Nos países mediterráneos e latinos a ciencia non é unha prioridade. Aínda que se está a avanzar moito, queda moito máis por andar para poder competir cos EEUU e o mellor xeito de facelo é fomentar a competencia”. Segundo explica, programas como Ideas que financian e apoian aos mellores fan que a comunidade científica que esforce por acadar maiores cotas de excelencia.

Un complexo proceso de selección

Nesta primeira edición do programa Ideas na busca de investigadores de excelencia, presentáronse arredor de 10000 aspirantes para obter financiamento para o seu traballo. “Deses 10000, a primeira criba deixounos a tan só 500, o que representa sobre un 5%, e pasar ese corte xa foi moi complicado”, explica Posada. Unha vez superada esta primeira fase, os 500 seleccionados tiveron que presentar a súa proposta para ser financiada en Bruxelas ante un comité de 14 expertos que valoraron tanto a traxectoria persoal e profesional do investigador, como a proposta científica presentada e a institución da que provén e na que traballará. Desta segunda selección saíron os arredor de 300 investigadores que, dentro do programa Ideas, poderán contar cun orzamento europeo que os situará á vangarda mundial. De toda España, resultaron elixidas 16 propostas, das cales tan só a de Posada pertence a unha universidade ou centro de investigación que non se sitúe en Madrid ou Barcelona, centros neurálxicos en España no que á ciencia se refire.
Ao longo destes cinco anos, o investigador deberá presentar tres informes de seguimento ante a comisión do seu traballo, que debe avaliar os resultados e a distribución do orzamento. Unha vez rematado o traballo, o programa Ideas comprende outra fase, a Advanced Grants, na que poden entrar tanto os investigadores da fase anterior, como outros investigadores xa consolidados que pasan directamente. Segundo David Pasada está “é a continuación natural do traballo, á que todos aspiramos pero a competencia é moi dura”.

Na procura do árbore de vida

O traballo que Posada desenvolverá nos vindeiros cinco anos continuará coas súas investigacións actuais sobre xenética evolutiva e bioinformática. “A través de métodos matemáticos e estatísticos tratamos de determinar a evolución xenética da especies, os mecanismos que fan que o ADN mute e faga xurdir novas especies”. Como explica o propio Posada, “é en certo modo estudar a orixe da vida no planeta, a súa evolución ata a actualidade, partindo das bases de Darwin fixou nas súas investigacións”. Neste sentido, augura unha gran explosión de adiantos, traballos e investigacións neste campo nos vindeiros anos, “o que nos proporcionará bases de datos máis amplas e completas sobre ADN, imprescindible para o traballo que desenvolveremos aquí nos vindeiros anos”.
Trátase dun traballo elementalmente computacional, polo que, boa parte do millón de euros de financiamento será para mercar un superordenador que permita facer os cálculos e comparar bases de datos de ADN nun tempo determinado”. Segundo salienta, “un PC normal tardaría 100 anos en facer un traballo deste tipo, cando nós precisamos que o faga nunha semana”.
Outra das partes fundamentais do proxecto son os recursos humanos, para o que contratará a varios investigadores de pos-doutoramento, “o que representará un boa parte do orzamento, tan só en soldos”. A idea é establecer un equipo de cinco persoas que se instalará nun futuro próximo nas novas instalacións que se están de construír no campus de Vigo, “xa que o espazo co que contamos agora é insuficiente”. Trátase dun traballo de gran responsabilidade e envergadura e, nos vindeiros cinco anos, a investigación de Posada situarao no punto de mira da ciencia europea e, con el, a Universidade de Vigo.