DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sesión plenaria que tivo lugar este martes

O Consello Galego de Universidades informa favorablemente sobre a creación das facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública

Deberá ser aprobada tamén polo Consello da Xunta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/02/2022

Na sesión plenaria que celebrou este martes, o Consello Galego de Universidades informou favorablemente a proposta de creación das facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública. A súa aprobación por parte do Consello da Xunta constitúe agora o seguinte paso no proceso de creación destes novos dous centros no campus de Pontevedra. No caso da Facultade de Deseño, esta acollerá tanto o futuro Grao en Deseño, que a Universidade de Vigo prevé comezar a impartir no curso 2022-2023, como o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Na Facultade de Dirección e Xestión Pública pasarán a impartirse o Grao en Dirección e Xestión Pública e o mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional.

Segundo informou a Xunta, na sesión plenaria presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avaliouse a proposta da UVigo para a creación destes novos centros universitarios, así como da futura Facultade de Relacións Internacionais de Ourense, que recibiron o apoio unánime do conxunto dos integrantes deste órgano. A reunión contou coa presenza dos reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa; Santiago de Compostela, Antonio López; e A Coruña, Julio Abalde.

A Facultade de Deseño que, como salientou a Consellería, “concentrará a formación integral de estudos especializados de Deseño, que ata o de agora non existían no Sistema Universitario de Galicia”, terá a súa sede no espazo cedido á UVigo no antigo edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal e, segundo recolle a súa memoria, contaría cun estudantado estimado de 260 alumnos e alumnas 22 profesores equivalentes a tempo completo. A Facultade de Dirección e Xestión Pública, pola súa banda, tería un estudantado estimado de 212 alumnos e 41 docentes, 16 deles con dedicación total ás titulacións da facultade. O novo centro compartirá o edificio da actual Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que se imparten as dúas titulacións que se adscribirán ao novo centro. 

Non obstante, segundo explicou en outubro o reitor, Manuel Reigosa, en Consello de Goberno, a Universidade atópase traballando co Concello de Pontevedra nun convenio que faría posible á cesión dunha parcela nos terreos que ocupaba antigamente Tafisa, na que a institución académica proxecta a construción da futura sede destas dúas facultades.  

Pendente da súa aprobación polo Consello da Xunta

O proceso para a creación destas facultades iniciouse en outubro de 2020, cando o Claustro da Universidade de Vigo aprobou instar ao Consello de Goberno a iniciar os expedientes de creación dos tres novos centros. En marzo de 2021, o órgano de goberno encargou ás correspondentes comisións a elaboración das memorias de creación das facultades. No mes de xuño, estas foron informadas polo Claustro e, ao mes seguinte, aprobadas polo Consello de Goberno. Tras ser informadas tamén polo Consello Social da Universidade, foron remitidas ao Consello Galego de Universidades. Tras o seu informe favorable nesta xornada, terán que ser aprobadas polo Consello da Xunta, remitidas ao Registro Universitario de Centros e Titulaciones (RUCT), publicadas no DOG e comunicadas á Conferencia General de Política Universitaria para completar o procedemento.