DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deu o visto e prace aos premios extraordinarios fin de carreira, grao e doutoramento

O Consello do Goberno aproba por ampla maioría a nova normativa de dedicación do profesorado

Actualízanse os criterios de avaliación da produción investigadora e as axudas de Extensión Universi

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/02/2013

27 votos a favor, 5 en contra e 8 abstencións. O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este xoves por ampla maioría a normativa pola que se adapta a dedicación do profesorado ao novo marco legal que establece criterios de intensificación docente e investigadora. A institución académica viguesa dá así un paso adiante no proceso de desenvolvemento do regulamento de profesorado aprobado no Claustro do pasado mes de xullo. Este asunto foi un dos puntos fortes dunha reunión na que tamén se aprobou a concesión de 72 premios extraordinarios: 41 fin de carreira, 26 de doutoramento e 5 de grao; se deu o visto bo á convocatoria de axudas de Extensión Universitaria para este ano, se actualizaron os criterios de avaliación da produción de investigación e se aprobou por aclamación a adhesión da Universidade á Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro.

Docencia, investigación e xestión marcan a xornada laboral do PDI

Na nova normativa de dedicación do profesorado recóllense os criterios de recoñecemento de actividades de docencia, investigación e xestión que realiza o Persoal Docente e Investigador e que repercutirá no programa de organización docente do vindeiro curso académico. Agora, tal e como informou no Consello de Goberno a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Margarita Estévez, este proceso completarase coa aprobación nos vindeiros meses dos criterios de elaboración do chamado Plan de Dedicación Académica Individual, PDAI; un proceso que requirirá da xeración dos procedementos que permitan establecer e cuantificar as evidencias das actividades exercidas polo PDI e a equivalencia en horas estimadas de carga de traballo. “Todas as tarefas desenvolvidas deben quedar rexistradas, recoñecidas e computadas, reflectindo de xeito o máis realista posible a actividade que realiza o profesorado ao longo da súa xornada laboral e que se reparte entre actividades docentes presenciais, titorías, outras cuestións docentes, tarefas de investigación e transferencia e actividades de xestión”, subliñou no transcurso da sesión a vicerreitora.

A proposta de dedicación do profesorado defendida polo equipo de Goberno topou co rexeitamento de Nova Universidade, cuxos representantes votaron en contra do texto ao considerar que con el "perden os máis febles e gañan os máis fortes", subliñou Jaime Cabeza. Ademais Bienvenido Díez, representante sindical do PDI en Consello de Goberno, transmitiu a posición en contra dos Comités de Empresa de PDI Laboral de Pontevedra e Ourense e a Plataforma de Asociados e reclamou máis tempo “para seguir coas negociacións e chegar así a un acordo máis amplo”, subliñou tras ler un manifesto no que se solicitaba a inmediata reapertura da Mesa de Negociación e a retirada deste punto da orde do día por consideralo “lesivo para os intereses de alumnos e docentes”, subliñou ante os membros do Consello de Goberno e dunha representación de profesores asociados que asistiron á sesión.

72 medallas coas que premiar o esforzo e o mérito académico do alumnado

Cursaron con brillantez os seus estudos universitarios e foron os mellores das súas respectivas promocións, e agora a Universidade premia este esforzo e dedicación coa entrega de cadanseu premio extraordinario e cadansúa medalla, que lle serán entregados nunha gala ex- profeso que terá lugar o vindeiro mes de abril. O Consello de Goberno aprobou a concesión de 72 premios extraordinarios: 41 fin de carreira, 26 de doutoramento e 5 de grao; máis de setenta premios, dos que o 55% leva nome de muller e un 44% de home.

Se tradicionalmente as mulleres copaban boa parte dos Premios Extraordinarios Fin de Carreira, este curso o reparto é moito máis equitativo, xa que 21 recaeron en alumnas e 20 en alumnos, mentres que nos premios extraordinarios de grao, que este ano acadan a súa segunda edición, o dominio feminino é maioritario, xa que catro corresponden a mozas e só un a un mozo. A tendencia feminina mantense tamén nos premios de doutoramento, onde a cota de doutoras premiadas acada o 57%, porcentaxe que, se atendemos só ao ámbito científico, no que máis traballos deste tipo se presentan, elévase ao 76%, e a un 66% no eido das artes e humanidades; pola contra no caso das enxeñarías a porcentaxe de premiadas redúcese a un 40% e no xurídico social ao 20%.

Ao respecto tamén das teses de doutoramento, a secretaria xeral informou de que o curso pasado 125 persoas acadaron o título de doutor pola Universidade de Vigo e deles 28 recibirán agora o premio extraordinario de doutoramento: 12 correspondentes ao ámbito científico, 8 ao tecnolóxico, 5 ao xurídico-social e 3 ao humanístico.

Premios Extraordinarios Fin de Carreira (43.74 Kb)
Premios Extraordinarios de Grao (38.89 Kb)
Premios Extraordinarios de Doutoramento (23.79 kb)

Actualízanse os criterios de avaliación da produción investigadora

Co obxectivo de adaptalos á situación xeral da Universidade e da contorna socio-económica, o Consello de Goberno deu o visto e bo á actualización dos criterios de avaliación da produción de investigación. O obxectivo: clarificar os criterios de avaliación, simplificar e axilizar o proceso e empregar, “sempre que sexa posible, ferramentas e bases de datos externas e aceptadas na comunidade investigadora”, subliñou a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, que explicou tamén que se terán en conta as particularidades dos diversos ámbitos de coñecemento para que todos estean en condicións de igualdade.

Durante a intervención da vicerreitora subliñou a necesidade de ter en conta aspectos importantes contemplados nos indicadores autonómicos, nacionais e internacionais de I+D+i, como a relevancia das actividades de transferencia de coñecemento en todos os ámbitos; o interese da internalización da investigación e o desenvolvemento de liñas de traballo multidisciplinares, así como a aplicación de criterios de calidade e excelencia para mellorar a competitividade da Universidade.

36 puntos por publicar nunha revista científica internacional do tipo Nature ou Science; 24 puntos pola autoría dun libro de investigación publicado por unha editorial de ámbito internacional ou 8 puntos pola realización dunha tese de doutoramento, son algúns exemplos dos criterios específicos empregados.

Desde as filas de Nova Universidade Jaime Cabeza felicitou á vicerreitora pola “substancial mellora acadada con respecto ás convocatorias de anos anteriores”.

Mantéñense as axudas de Extensión Universitaria

Durante o Consello de Goberno deuse tamén o visto e bo ás axudas de Extensión Universitaria para este ano, nas que se inclúen, ademais de fondos para cursos e obradoiros, un máximo de 11.000 euros en subvencións para accións participativas e de asociacionismo, unhas axudas coas que se busca fomentar a participación do alumnado na dinamización sociocultural dos tres campus e das que poderán beneficiarse todas as asociacións de alumnas e alumnos da Universidade de Vigo. Ademais, de cara a favorecer a organización de conferencias, mesas redondas, festas populares... mantéñense tamén as axudas de difusión cultural coas que se pretende facilitar a posta en marcha de todas aquelas actividades que teñan como finalidade a divulgación a amplos colectivos sociais de temas de actualidade e de interese xeral: música, artes plásticas, cine, coñecemento do patrimonio...

A prol da protección da Serra do Galiñeiro

A petición dun grupo de membros do Consello de Goberno, a Universidade aprobou hoxe a súa adhesión á Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro, coas seguintes propostas: rexeitar o proxecto de parque eólico e a posible autorización de explotación de ‘terras raras’ e instar á Xunta de Galicia a que declare a Serra do Galiñeiro como espazo protexido. Situada a carón desta serra e como un elemento máis da súa contorna, a Universidade súmase así a outras entidades como os concellos de Gondomar, Mos, Porriño e Vigo que se teñen xa manifestado en contra da instalación neste paraxe natural dun parque eólico de 13 muíños e dunha mina a ceo aberto para a investigación de terras raras.

Os sindicatos chaman á mobilización contra os orzamentos da Xunta

Na quenda de rogos e preguntas, a representante dos Comités de Estudantes, Rocío Barreiro, solicitou a retirada do título honorífico de Doutor Honoris Causa a Julio Fernández Gayoso, ao que o reitor respondeu que se iniciarían as consultas correspondentes ao respecto.

Doutra banda diferentes representantes sindicais convidaron ao equipo de goberno e ao resto de membros do Consello de Goberno a unírense ás mobilizacións que terán lugar o vindeiro martes 26 de febreiro nas tres universidades galegas en contra do proxecto de orzamentos do goberno galego e a unírense á convocatoria de paro que se levará a cabo das 13 ás 17 horas.