DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luz verde, tamén, ao procedemento de elaboración das memorias do Grao en Deseño e Creación

O Consello de Goberno aproba por asentimento o inicio do expediente de creación da Facultade de Deseño e Creación 

Aprobada a proposta de Máster en Enxeñaría Aeroespacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/07/2019

“Hoxe ábrese a carpeta”. Nestes termos referiuse hoxe o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, ao inicio do expediente de creación da Facultade de Deseño e Creación, que recibiu o apoio unánime das e dos integrantes do Consello de Goberno da Universidade de Vigo. A nova facultade, que terá a súa sede en Belas Artes, acollerá ademais do futuro Grao en Deseño e Creación, o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que xa está a impartir no centro. Previamente á aprobación do inicio do expediente de creación da facultade, os membros do Consello de Goberno deran luz verde á elaboración da memoria xustificativa e da memoria para a solicitude de verificación do Grao en Deseño e Creación, un traballo que deberá desenvolver unha xunta de titulación nomeada hoxe e que estará presidida polo docente da Facultade de Belas Artes Marcos Dopico como decano comisario. Na xunta de titulación están representados os departamentos, centros e titulacións con algunha relación co novo grao, así como alumnado e persoal de administración e servizos, podendo ademais contar co asesoramento de colexios profesionais, empresas e asociacións do sector, axentes sociais e doutras universidade que impartan o título.

Xunto aos trámites aprobados cara á implantación do Grao en Deseño e Creación, na derradeira sesión do curso 2018-2019 tamén se aprobaron as propostas de modificación e verificación de nove títulos, entre os que se atopaba o Máster en Enxeñaría Aeronáutica proposto pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, e que recibiu o apoio por asentimento dos membros do Consello. Pola súa banda, a aprobación da creación da Oficina de Proxectos Internacionais precisou dunha votación, ante o desacordo manifestado polos representantes sindicais presentes na sesión, que tamén deu luz verde ás primeiras edicións dos cursos de especialista en Desenvolvemento de software e negocio dixital e en Electrónica para compoñentes de automoción  que comezarán a impartirse o vindeiro curso 2019/2020. Así mesmo, hoxe se aprobou o nomeamento de Maurizio Battino como investigador honorífico da Universidade de Vigo. 

Xunta de titulación e expediente de creación de facultade para o Grao en Deseño e Creación

“Esta xunta ten que actuar de maneira extraordinariamente rápida”, dixo o reitor en relación coa actividade de elaboración das memorias do Grao en Deseño e Creación, que ten que realizar a xunta de titulación nomeada hoxe no Consello de Goberno. O reitor reiterou a importancia do grao para o campus de Pontevedra, “ademais de encaixar como unha luva no Campus Crea”, ao tempo, que aínda se amosou esperanzado e disposto a seguir a traballar “por se fose posible facer unha converxencia que nos permitise que o novo grao tivese cabida en Belas Artes. Se fose posible facer unha converxencia faríamola, pero temos que ser previsores”, dixo Reigosa, en relación co inicio do expediente de creación da Facultade de Deseño e Creación aprobado hoxe no Consello. Pola súa banda, a decana en funcións da Facultade de Belas Artes, Silvia García, asegurou na sesión que a creación da nova facultade “é unha oportunidade a medio prazo para medrar”, así como “unha vía positiva para superar os conflitos internos”. García agradeceu o traballo de negociación realizado polo equipo de goberno, así como o apoio manifestado polo concello de Pontevedra á nova facultade.  

En relación co proceso de creación da nova facultade o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, lembrou que “é un procedemento complexo que levará bastante tempo”, posto que despois do trámite de hoxe, o inicio do expediente remitirase ao Consello Social que se celebra mañá e que emitirá un informe ao respecto, para logo ir ao Claustro, que tamén emitirá un informe e regresar a Consello de Goberno, onde será aprobado. Posteriormente remitirase ao Consello Galego de Universidades e a continuación será a Xunta de Galicia quen teña que aprobalo.

Defensa de proposta de Máster en Enxeñaría Aeronáutica realizada pola Escola 

Ademais dos trámites necesarios para a posta en marcha do Grao en Deseño e Creación, o Consello de Goberno aprobou na súa derradeira sesión do curso as propostas de modificación e verificación de nove títulos, entre os que se atopa o Máster en Enxeñaría Aeronáutica. O novo título, que recibiu o apoio por asentimento das e dos integrantes do órgano de goberno da Universidade de Vigo, é a proposta feita pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que contempla unha titulación exclusiva a impartir no campus de Ourense.  A preguntas, ao remate da sesión, do voceiro de Ideas que Suman, Emilio Fernández, o reitor, Manuel Reigosa reiterou a súa defensa da proposta realizada pola Escola, ao tempo que lembrou a petición realizada no seu día pola Universidade de A Coruña para impartir este mestrado e que foi paralizada pola Xunta. Reigosa reiterou que no ano 2017, os daquela reitores das tres universidades galegas, e a Xunta asinaron un acordo para favorecer as titulacións nas que participen varias universidades, e así, “aínda que nós defendemos a nosa proposta, xa lles fixen saber aos membros da Escola e do Consello de campus que non podemos dicir que temos dereito a ese máster porque, como nos graos, o que está a promocionar a Xunta é que sexan interuniversitarios”, sinalou o reitor.

En relación coa situación global do campus de Ourense, Reigosa referiuse ao peche do dobre Grao ADE- Informática reiterando que foi “unha decisión unilateral da Xunta, baseada en números e na que non tivemos oportunidade de negociar”. O reitor defendeu a situación do campus ourensán asegurando que “funciona ben, ten datos de matrícula moi bos e varias titulacións das que máis tiran en Galicia”, ademais de destacar que os traballos de investigación da Facultade de Ciencias a situan entre as 50 mellores do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Medioambientais e Enxeñaría Agraria. Así mesmo, o reitor manifestou a súa expectativa de que o Campus da Auga poida ser un dos primeiros avaliados positivamente pola Xunta.  

Outros asuntos

Por 35 votos a favor, dous en contra e cinco abstencións aprobouse a creación da Oficina de Proxectos Internacionais que terá o obxectivo, ademais de incentivar a participación das e dos investigadores da Universidade de Vigo en proxectos e convocatorias internacionais, prestarlles axuda administrativa e legal con eses proxectos.  “É unha necesidade imperiosa e esta oficina vai axudar a mellorar e solventar eses problemas”, asegurou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio en resposta ás críticas do presidente da Xunta de Persoal, Xoan Cebro, e de Luis Pérez, representante sindical do PAS. Mentres Pérez advertiu que a creación da oficina supón unha modificación da RPT, Cebro asegurou que “non soluciona a xestión dos proxectos, se acaso a primeira fase de captación, pero a xustificación e xestión administrativa, non”. Pola súa banda, o reitor, que recoñeceu a existencia de atrancos na captación, xestión e xustificacións dos proxectos internacionais, asegurou que “creo que esta oficina pode arranxar parte dos problemas”.

Na sesión celebrada hoxe tamén se aprobaron as propostas de modificación e verificación de títulos de grao, máster e doutoramento para o curso 2020/2021, no que se implantarían como titulacións novas ademais do Máster en Enxeñaría Aeronáutica, os mestrados en Dirección e Innovación de la Supply Chain e en Nanociencia e Nanotecnoloxía (interuniversitario con la USC). 

Así mesmo, as e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron o nomeamento de Maurizio Battino como investigador honorífico da Universidade de Vigo. Na anterior sesión celebrada polo Consello de Goberno aprobárase o regulamento de persoal investigador honorífico que xorde da necesidade da incorporación ocasional de profesionais relevantes, que colaboren coa docencia e a investigación para que acheguen á universidade o seu coñecemento profesional, científico, técnico ou artístico. Esta é unha figura que xa existe noutras universidades e que ao tratarse dun nomeamento honorífico non ten dereito a retribución.