DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A resolución sobre os Graos en Comercio e Enxeñaría de recursos naturais adíase

O Consello de Goberno aproba máis dunha vintena de propostas de título de grao realizadas polos centros

No caso de cambios de nome o debate trasládase á ANECA e ao Consello Galego de Universidades

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/04/2008

A Universidade de Vigo avanza cara a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior contando desde hoxe co visto bo do Consello de Goberno á maior parte das propostas de titulacións de grao realizadas desde os centros.
Con 24 votos a favor, 3 en contra e 5 abstencións, os membros do Consello de Goberno apoiaron a transformación dun total de 24 titulacións existentes na actualidade nos seus correspondentes graos que unha vez aprobados polas autoridades educativas entrarían en vigor no curso 2009-2010. Trátase dos graos en: Turismo, Economía, Administración e Dirección de Empresas, Dereito, Educación Social, Traballo Social, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas, Bioloxía, Ciencias do mar, Química, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Fisioterapia, Enfermaría, Tradución e Interpretación, Enxeñaría Informática, así como as titulacións de Mestre de Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria.
Só en dúas das propostas realizadas polos centros, o Grao en Comercio e en Enxeñaría de Recursos Naturais, non houbo pronunciamento do Consello de Goberno ao ser o seu debate adiado. Mentres, no caso doutras catro titulacións que cambian de nome (Graduado en Xeografía e Historia, en Linguas Estranxeiras, en Estudos de Galego e Español e en Dirección e Xestión Pública), o seu futuro estará determinado polo que se resolva no seo da ANECA e do Consello Galego de Universidades.

Adiado o debate do Grao en Comercio e en Enxeñaría de Recursos Naturais

A transformación da diplomatura de Ciencias Empresariais nun Grao en Comercio adíase ata o ano 2010 xa que, segundo manifestou a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, “ pode entenderse como un título novo, posto que a diplomatura de Ciencias Empresariais transfórmase no Graduado en Administración e Dirección de Empresas. Polo tanto a consideración de título novo require que a discusión se traslade a 2010”, afirmou Carmen García Mateo.
Unha opinión non compartida polo director da E.U de Estudos Empresariais, Patricio Sánchez, que puxo de manifesto a boa saúde da que goza a titulación, así como o elevado grado de ocupación dos diplomados. Sánchez, que defendeu a viabilidade da proposta realizada desde a escola puxo en cuestión que se fale dun título novo “xa que os contidos non están totalmente elaborados, polo que non se pode dicir si é novo ou non”. O director da escola, que expresou o seu temor por que a titulación poida desaparecer, defendeu que ao igual que sucede noutras diplomaturas que se transforman en graos “nós tamén o poidamos facer”.
Tamén se adía a resolución no caso do Graduado en Enxeñaría de Recursos Naturais: forestais e do medio natural, proposta desde a E.U de Enxeñaría Técnica Forestal, dado que como explicou Carmen García Mateo “como dá lugar a unha profesión regulada a proposta é esperar a que se chegue a un desbloqueo das profesións reguladas en enxeñaría”.
Mentres, no caso de Mestre en Educación Infantil e en Educación Primaria, trala petición formulada pola decana de Ciencias da Educación de Ourense, Mercedes Suárez, o Consello acordou que no caso da E.U de Formación de Profesorado de EXB de Vigo, ao tratarse dun centro adscrito, non participe na elaboración dos planos de estudo. Cando o título oficial estea acreditado a escola tamén terá que verificalo.

Cambios de denominación

Entre as propostas realizadas polos centros, catro titulacións sofren un cambio de denominación que obrigará a continuar o debate no seo do Consello Galego de Universidades e da ANECA. A vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea puntualizou que “ a transformación da titulación de Historia en Graduado en Xeografía e Historia, é un cambio de nome e como tal pode ter algunha incidencia co resto das universidades galegas e, polo tanto, pode levar á necesidade de negociacións posteriores no seo do Consello Galego de Universidades”.
O mesmo sucede no caso da transformación de Filoloxía Inglesa no Graduado en Linguas Estranxeiras e no de Graduado en Estudos de Galego e Español, que xorde da converxencia nun único grao das titulacións actuais de Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega.
O cambio de nome tamén afecta ao Graduado en Dirección e Xestión Pública que nacería da transformación da diplomatura de Xestión e Administración Pública, así como ao Graduado en Relacións Laborais e Recursos Humanos que pasaría a substituír á diplomatura en Relacións Laborais.
Para o reitor, Alberto Gago “estamos falando dunha transformación inevitable da oferta actual na que cómpre respectar unhas liñas xerais e adaptarse a uns prazos concretos”. Ademais o reitor advertiu da posibilidade de que as titulacións que sufriron cambios na súa denominación teñan problemas no debate que se desenvolva no seo do Sistema Universitario Galego, aínda así afirmou que “eu vou defender a proposta realizada polos centros, pero pode haber interferencias”.

Calendario, prazas e bolsas para as residencias e memoria da Oficina de I+D

O Consello de Goberno na sesión ordinaria celebrada hoxe tamén aprobou os calendario do vindeiro curso 2008-2009 tanto para o primeiro e segundo ciclo, como para os estudos de grao e posgrao.
No primeiro caso aprobáronse dúas modalidades. A primeira, ou A, que se aplicará na Facultade de Ciencias de Ourense fixa o primeiro cuadrimestre do 8 de setembro ao 24 de xaneiro e o segundo do 26 de xaneiro ao 5 de xuño. Mentres a segunda modalidade, ou B, fixa do 22 de setembro ao 7 de febreiro o primeiro cuadrimestre e do 9 de febreiro ao 20 de xuño o segundo. Esta segunda modalidade de calendario será tamén a que rexa no caso do curso escolar para os estudos de grao e posgrao, estando ademais harmonizado coas universidades de Santiago e A Coruña.
Os membros do Consello aprobaron, tamén, as prazas e bolsas de aloxamento. Aínda que se acordou revisar ata o tope posible a contía das bolsas dirixidas ás rendas máis baixas, o Consello deu o visto bo á convocatoria de 218 prazas no complexo residencial “O Castro”, 70 na residencia da “Peregrina”, 194 na das “Burgas” e 20 no complexo residencial ALCAI de Allariz. En canto ás bolsas, concederanse 50 de nivel A, cunha dotación de 115 euros/mes e 60 bolsas de nivel B, cunha dotación de 60 euros/mes.
O Consello aprobou a memoria da Oficina de I+D no 2007, ano no que como apuntou o vicerreitor de Investigación, Manuel Reigosa “o número de actividades contratadas experimentou un importante incremento, pasando das 486 ás 678”. Un incremento que tamén se reflectiu na evolución da contía das actividades contratadas que se achegou aos 10 millóns de euros o pasado ano, mentres que en 2006 a penas superou os 6. Ademais o pasado ano a Oficina de I+D tramitou 11 solicitudes de patentes nacionais, co que a suma total desde 1992 é de 102 patentes nacionais, 4 europeas, 8 internacionais, 3 marcas e 14 modelos de utilidade da Universidade de Vigo.