DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galego José Manuel Silva foi o principal impulsor do Espazo Europeo de Investigación

O Consello de Goberno aproba o nomeamento como Doutor Honoris Causa do director xeral de Agricultura da UE

O médico Vicente Rodríguez Graza fai unha doazón que converterá a Ourense nun referente botánico

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/07/2011
Foi o principal responsable da implantación, desenvolvemento e xestión do 7º Programa Marco da Unión Europea e o vindeiro curso converterase no vixésimo segundo Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, tras aprobarse no derradeiro Consello de Goberno deste curso a concesión deste título ao galego José Manuel Silva Rodríguez (Chantada, 1949), actual director xeral de Agricultura da Unión Europea, carteira á que chegou tras ocupar do 2006 ao 2010 o cargo de director xeral de Investigación.

A proposta deste nomeamento chegou da man do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, quen argumentou esta decisión nos grandes logros acadados por Silva dende que fora nomeado funcionario da Unión Europea no ano 1986. A creación de diferentes mecanismos de impulso á transferencia, a potenciación das relacións entre Universidade-Empresa e o seu apoio decidido á I+D empresarial nas pemes europeas foron os principais argumentos nos que o director do departamento, o profesor Henrique Lorenzo, fixo fincapé para defender o nomeamento como Honoris do que denominou “un europeísta convencido, un defensor da libre circulación do coñecemento, apostando polo establecemento de programas que potencien a circulación de investigadores, profesores e estudantes mediante a creación do Espazo Europeo de Investigación”.

A cerimonia de investidura farase coincidir, segundo adiantou o reitor, coa celebración do acto académico de San Tomé de Aquino.

Futuro Centro de Investigación e Interpretación da Biodiversidade

Tras o Consello de Goberno deste xoves está máis próxima a creación do futuro Centro de Investigación e Interpretación da Biodiversidade que se situará de forma permanente na cidade de Ourense, algo que é posible grazas á doazón realizada polo médico ourensán Vicente Rodríguez Graza, que no futuro será nomeado “conservador” do centro, posto que ostentará de forma vitalicia e que lle dará acceso permanente ao espazo ocupado pola colección e, no seu día, ao propio centro.

O material obxecto de doazón, xerme do futuro centro, componse por un herbolario, que inclúe arredor de 25.000 pregos de material -procedente tanto do propio Ourense, como do resto de España e de diversos lugares do mundo- e diferentes coleccións, a máis destacada unha composta por máis de 60.000 insectos, pero ás que se engaden outras que inclúen dende moluscos, ata fósiles, froitos secos ou sementes. “Trátase dunha doazón de incalculable valor nun campo que para nós é estratéxico”, subliñou o reitor, ao que a vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, Mª Victoria Jato, engadiu que “este material ten un extraordinario valor nun campus que está a facer unha importante aposta polas ciencias ambientais”.

Cambio de rumbo no plan de xubilación voluntaria

O Consello de Goberno acordou tamén “un cambio de rumbo”, tal como subliñou a vicerreitora de Organización Académica, Margarita Estévez, no plan de medidas facilitadoras da xubilación do profesorado, un mecanismo que fora aprobado no 2005 para incentivar a renovación e contribuír ao reequilibrio dos cadros de persoal pero que debido á difícil situación económica xeral se fixo necesario a súa redefinición “ao obxecto de adecualo á crise actual que esixe un axuste e unha disciplina financeira máis rigorosa que en anos precedentes”, engadiu .

Neste senso o Consello de Goberno deu o visto e bo a unha reforma que implica que o acceso ao plan só será posible cando os interesados teñan cumpridos os 63 anos e a partires de aí a porcentaxe total que recibirá cada profesor dependerá da idade na que se acolla ao plan, variando a porcentaxe dende o 80% se accede a el con 63 ou 64 anos ata un 90% se cando o solicita ten xa cumpridos os 69 anos.

Máis facilidades para a mobilidade de estudantes

De cara a potenciar a mobilidade internacional do estudantado o Consello de Goberno deu tamén o visto e bo a unha nova normativa que facilitará a libre mobilidade de estudantes por vías adicionais ás que emanan dos programas, acordos e convenios de mobilidade institucionais establecidos. “Trátase de dar soporte normativo a algo que cada vez ten máis demanda”, subliñou o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, quen explicou que este tipo de convocatoria estará aberta de maneira permanente.

Nesta sesión aprobáronse tamén os criterios de avaliación da produción de investigación aplicables aos méritos correspondentes aos anos 2009 e 2010, así como cambios na normativa de recoñecemento de créditos por actividades de voluntariado incrementando o recoñecemento para as actividades solidarias e de cooperación.