DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente da Xunta de Persoal anuncia a presentación dun recurso contencioso administrativo

O Consello de Goberno aproba a oferta de emprego público do persoal funcionario de administración e servizos para o ano 2009

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/10/2009

14 votos a favor fixeron posible a aprobación na sesión ordinaria do Consello de Goberno celebrada hoxe da oferta de emprego público do persoal funcionario de administración e servizos da Universidade de Vigo para 2009. A proposta formulada polo reitor Albergo Gago que contemplaba a aprobación da oferta e a continuidade da negociación entre Xerencia e sindicatos naqueles temas nos que aínda no se alcanzou acordo, superou en cinco votos á formulada polo presidente da Xunta de Persoal que demandou a retirada do punto da orde do día e o compromiso de acadar un acordo coa vista posta na vindeira sesión de Consello de Goberno. Unha votación que estivo precedida dun intenso debate protoganizado pola xerente, Ana Fernández, e os representantes sindicais dos traballadores, en especial o presidente da Xunta de Persoal, Xoan Cebro, que anunciou a presentación dun recurso contencioso administrativo motivado pola, asegurou, “inseguridade xurídica” na que incorre.
Ana Fernández foi a primeira en tomar a palabra para lembrar que as 48 prazas que integran a oferta “son produto das vacantes do último concurso de traslados que se fixo na Universidade onde non houbo ofertas de emprego público desde 2001”. A xerente que defendeu a necesidade de sacar adiante a oferta “porque queremos evitar a provisionalidade e dotar de maior estabilidade ao persoal”, afirmou que foi a imposibilidade de chegar a un acordo cos representantes sindicais dos traballadores o que levou á Xerencia a levar a oferta ao Consello de Goberno. Na falta de consenso tamén incidiu a vicexerente de Persoal, Ana Comesaña, que sinalou á CIG como responsable da falta de acordo, afirmando que “é desesperante falar con alguén que non quere falar e só quere rebentar a Xerencia”. Unhas acusacións compartidas polo representante sindical de CC.OO, Marcos Estévez, que denunciou a “actitude belixerante” do sindicato nacionalista e defendeu a decisión da Xerencia de presentar a oferta de emprego público “porque o sindicato maioritario na Xunta de Persoal, négase a negociar”.
Pilar Conde, en representación do persoal interino, comezou dando lectura a un comunicado no que solicitaba a retirada do punto da orde do día e a negociación entre Xerencia e Xunta de Persoal para mellorar o temario da convocatoria. Pola súa banda, o presidente da Xunta de Persoal negou as acusacións da xerente e da vicexerente de Persoal e solicitou a retirada da orde do día do punto referido á aprobación da oferta de emprego público sobre a que se comprometeu a acadar un acordo coa Xerencia que volverían a traer á vindeira sesión do Consello de Goberno. A continuación Cebro confirmou a súa intención de presentar recurso contencioso administrativo contra o acordo “que incorre nunha inseguridade xurídica”, afirmou, e que xustificou en que non respecta a porcentaxe que sinala a lei para a promoción interna para o persoal funcionario, impedindo o dereito á promoción dos grupos E, C1, A2 e A1. Cebro que amosou o seu convencemento en que “se imos aos tribunais gañamos”, acusou á Xerencia de “estar xogando coa parte máis feble que é o persoal contratado”.
Despois que xerente e vicexerente de Persoal defendesen a legalidade do proceso e manifestasen a súa disposición a acadar un acordo, foi o reitor, Alberto Gago, o que solicitou ao Consello de Goberno o seu apoio á oferta de emprego “un dos meus compromisos electorais”. Gago propuxo que se aprobase a oferta e que continuasen as negociacións naqueles aspectos nos que Xerencia e sindicatos aínda non acadaron como temario ou baremos e que nun período dun mes trasladase o acordo ao que chegasen ao Consello de Goberno. Unha proposta que segundo Gago “dá seguridade aos afectados” despois do choque de estratexias negociadoras que, asegurou o reitor, se produciu en torno á oferta de emprego público”que ten que saír, concorde ou non cao estratexia dun sindicato”.
A proposta realizada polo reitor acadou finalmente 14 votos, fronte aos nove da outra, ademais de rexistrarse seis abstencións.

Ataque e defensa do equipo xerencial

Nunha sesión moi marcada por cuestións laborais, a demanda de cese do equipo xerencial formulada polo presidente da Xunta de Persoal, abriu o punto da orde do día no que a xerente deu conta do traballo desenvolvido desde a súa chegada á Universidade de Vigo. Tras denunciar os erros e contradicións nos que ao seu parecer incorre a Xerencia en cuestións como xestión de alumnado, persoal ou xestión económica, Xan Cebro, acusou ao equipo xerencial de fomentar a división entre o persoal e de promover unha privatización excesiva. “Vostede menospreza ao PAS desta casa”, acusou o presidente da Xunta de Persoal á xerente “ e pedimos o seu cese”.
Fernández Pulpeiro respondeu ao presidente da Xunta de Persoal cunha exposición das medidas postas en marchar pola Xerencia desde a súa chegada á Universidade de Vigo co obxectivo de “modernizar o ámbito da xestión para facilitar a docencia e a investigación”. A xerente que debullou as medidas contempladas no Plan Operativo de Xestión que se puxeron en marcha, asegurou que “aínda queda moito por facer” e avogou por logralo “con cordialidade, rigor e transparencia”.
Na mesma liña que Cebro outros membros da Xunta de Persoal, aproveitaron as súas intervencións para poñer de manifesto o que consideran “uns resultados mediocres da Xerencia”, “o aproveitamento dos logros de equipos de goberno anteriores”, así como a “falta de previsión e improvisación” que preside algunhas medidas implantadas pola Xerencia en particular no referido á plataforma Xescampus.
Finalmente o reitor interveu para defender o traballo desenvolvido polo equipo xerencial nunha institución que “ten unha estrutura burocrática moi anticuada” e na que “a reforma é precisa para garantir os dereitos públicos”.

Aprobación de novos plans de estudo

Enxeñaría Agraria, Enxeñaría Forestal e Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación son os graos cuxos plans de estudo foron aprobados hoxe polo Consello de Goberno. Os novos graos que se impartirían nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, respectivamente, serán enviados agora á Xunta de Galicia para a súa aprobación e posteriormente ao Consejo de Universidades para a súa verificación.
Xa na quenda de rogos e preguntas o equipo de goberno comprometeuse a petición dos Comités a revisar a denominación das escolas de enxeñaría, para adecualas á linguaxe de xénero.