DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rexeita a suba das taxas e os mecanismo propostos para a avaliación da dedicación do PDI

O Consello de Goberno esixe unanimemente a retirada do Real Decreto de medidas urxentes de racionalización do gasto no ámbito educativo

O reitor demanda ao ministro Wert que dialogue cos lexítimos representantes da comunidade universita

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/05/2012
De xeito unánime o Consello de Goberno da Universidade de Vigo acordou na súa sesión ordinaria de hoxe esixir a retirada do Real Decreto-Lei 14/2012 de 20 de abril de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, ao tempo que manifesta o seu rexeitamento á suba da taxas e aos mecanismos propostos para avaliar a dedicación do profesorado, demanda unha política de bolsas que garanta o acceso aos estudos universitarios aos sectores económicos menos favorecidos e solicita a apertura dun período de diálogo entre o Ministerio de Educación e os representantes da comunidade universitaria. O comunicado aprobado polo Consello tamén fai un chamamento á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a participar na defensa da mellora das universidades como instrumento de progreso e cohesión social.

O pronunciamento do Consello de Goberno prodúcese horas despois da negativa dos integrantes da Conferencia de Reitores, entre os que se atopa o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a reunirse co ministro de Educación, José Ignacio Wert, ante o rexeitamento do Ministerio a atender as reiteradas solicitudes dos dirixentes universitarios de manter unha reunión para abordar o Real Decreto-Lei. “O ministro rexeitou o diálogo”, dixo o reitor da Universidade de Vigo “ante o que os reitores acordamos adoptar unha postura de firmeza porque se está a facer política universitaria en contra da comunidade universitaria”. Mato que incidiu en que son os reitores os que teñen a lexitimidade da comunidade universitaria, “formada por 1 millón 800.000 persoas que están afectadas por este decreto”, asegurou que hai connotacións de falta de respecto na actitude do ministro, ao que aclarou que “ninguén lle está a dicir ao Goberno que non goberne, pero si que nos escoite”. Neste sentido o reitor da Universidade de Vigo recordou que o decreto é lei, pero “aínda queda moito camiño por percorrer se se nos escoita aos reitores na normativa de aplicación do mesmo”, polo que cómpre, dixo “traballar na racionalización da aplicación”. En relación coa aplicación do decreto no caso concreto da Universidade de Vigo, Salustiano Mato asegurou que non se adoptarán as medidas que contempla mentres non haxa unha normativa de aplicación, ao tempo que lembrou a proposta das universidades galegas á Consellería de Educación para conxelar ou incrementar o mínimo posible as taxas.

Esixencia de retirada do decreto e solicitude de diálogo

O unánime posicionamento do Consello de Goberno da Universidade de Vigo esixindo a retirada do Real Decreto- Lei 14/2012, susténtase en primeiro lugar no rexeitamento á suba das taxas universitarias que supón, se asegura, “a destrución do modelo de universidade pública en España, atentando gravemente contra a igualdade de oportunidades”, unha medida que se considera ademais que se adopta nun momento de gran dificultade económica para as familias e “non resolve o problema do financiamento universitario”. O Consello de Goberno rexeita igualmente os mecanismos propostos para avaliar a dedicación do profesorado ás tarefas docentes e de investigación, “por tratarse de medidas improvisadas impostas sen diálogo, nin negociación que, lonxe de acadar a intensificación docente e investigadora do profesorado, xeran obstáculos á carreira profesional e desigualdades inxustificadas e non poñen en valor as actividades que o PDI realiza”.

No comunicado aprobado hoxe polo Consello de Goberno se esixe unha política de bolsas que garanta o acceso aos estudos universitarios dos sectores económicos máis desfavorecidos e lémbrase que a Universidade de Vigo “é unha institución comprometida coa mellora continua da docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento á sociedade, que defende o carácter de servizo público das universidades”. O texto finaliza coa demanda da apertura dun período de diálogo entre o Ministerio de Educación e os representantes da comunidade universitaria, ao tempo que fai un chamamento á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a participar “na defensa e na mellora das universidades como instrumento de progreso e cohesión social”.

No debate que antecedeu ao pronunciamento unánime do Consello de Goberno, Estevo Sánchez, en representación do alumnado demandou maior contundencia na redacción do comunicado en contra do decreto que considera “está a demoler a universidade pública”, e demandou a dimisión do ministro de Educación ao que acusou de mentir e terxiversar. O representante sindical do PDI, Bienvenido Díez, manifestou a súa preocupación pola “actitude de rolo do Goberno” e realizou unha defensa pechada do labor do persoal docente e investigador, pedindo a convocatoria da mesa do PDI para que “dunha vez poñamos as contas sobre a mesa e se poña de manifesto o traballo real que está facer un colectivo ao que agora se quere fiscalizar e ao que cada vez cuns orzamentos máis cativos se lle pide excelencia en investigación e en docencia”. Pola súa banda en representación de Nova Universidade, foi Jaime Cabeza quen confirmou o apoio do grupo de oposición ao equipo de Goberno ao comunicado de rexeitamento ao Real Decreto-Lei.

21 prazas de catedráticos, adaptación de estudos e dobres títulos

A sesión ordinaria do Consello de Goberno celebrada hoxe aprobou a convocatoria de 21 prazas de promoción ao corpo de catedráticos de universidade para este ano 2012, así como o nomeamento como profesora emérita da Universidade de Vigo de Mª Victoria Carballo-Calero. Sen votos en contra tamén se deu luz verde á adaptación de memorias de títulos de máster ao Decreto 861/2010 e aos criterios e procedementos para a adaptación no vindeiro curso dos estudos de doutoramento ao Real decreto 99/2011 e ao Decreto autonómico 222/2011 que contempla o terceiro ciclo separado do máster.

Por 28 votos a favor, catro en contra e tres abstencións aprobáronse os criterios e procedementos para a aprobación de propostas e de modificacións de titulacións de máster para o vindeiro curso que contemplan a reorganización dos mestrados de investigación, un proceso que Nova Universidade cualificou de “banalización do 2º ciclo”. O regulamento de prácticas académicas externas do alumnado da Universidade de Vigo e a Normativa de recoñecemento mutuo de estudos ao abeiro de programas de intercambio, tamén recibiron o respaldo unánime do Consello de Goberno que deu luz verde á proposta de regulamento do uso dos estacionamentos do campus de Ourense.

Texto íntegro do comunicado (428.89 Kb)