DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sesión tamén se aprobou a convocatoria do programa especial de promoción de PDI

O Consello de Goberno insta á Xunta a deseñar un novo Plan de I+D+i

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/11/2010
Os membros do Consello de Goberno acordaron por unanimidade sumarse á petición formulada por varios dos e das súas integrantes que solicitan á Xunta de Galicia o deseño dun Plan Galego de I+D+i, así como a convocatoria inmediata das axudas de recursos humanos programadas no Plan Incite e a creación dunha Axencia Galega de Investigación que unifique todos os procesos de convocatoria e xestión de axudas e incorpore as innovacións das autonomías máis avanzadas da contorna. A proposta aprobada polo Consello de Goberno e que lembrou a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, “coincide plenamente cos planteamentos do equipo de goberno e así se ten manifestado e apoiado tamén polo conxunto do Sistema Universitario Galego” foi promovida por Silvia Rodríguez, contratada Ángeles Alvariño, co apoio de varios membros do Consello de Goberno e responde nas súas palabras “á necesidade e chamar a atención ante a grave situación na que se atopan docentes e investigadores novos por causa dos recortes no financiamento e centros de investigación”.

Na sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada hoxe aprobouse tamén a convocatoria do programa especial de promoción do persoal docente e investigador que se desenvolverá como un concurso de méritos para determinar en que áreas de coñecemento se convocarán cinco prazas de profesor titular. A reforma do regulamento de réxime interno do Consello de Goberno coa finalidade de adaptalo á LOU e aos Estatutos da Universidade, foi outro dos acordos adoptados na sesión na que o reitor deu conta da concesión da mención de Campus de Excelencia Internacional ao Campus do Mar que Mato cualificou de “feito histórico para a Universidade que nos permite estar en Europa e competir a nivel internacional”.

Freo ás perdas no sistema galego de investigación

O deseño dun Plan Galego de I+D+i que recolla as suxestión dos investigadores e permita mellorar o actual sistema, con especial atención á investigación básica; a convocatoria inmediata de axudas de recursos humanos programadas no Plan Incite seguindo os criterios habituais nos últimos anos e cunha dotación de prazas semellante e a creación dunha Axencia Galega de Investigación que unifique todos os procesos de convocatoria e xestión de axudas e incorpore as innovacións das autonomías máis avanzadas da contorna, son as medidas aprobadas polo Consello de Goberno que se trasladarán á Xunta de Galicia sobre a que o reitor dixo “imos ver que respostas nos chegan e se estas nos dan alivio ou preocupación”.

Na súa intervención ante o Consello de Goberno, Silvia Rodríguez, manifestou abertamente a súa preocupación pola inexistencia dun Plan de I+D+i que substitúa ao actual que remata este ano, así como polo futuro dos traballadores científicos afectados pola suspensión das novas convocatorias de recursos humanos e que segundo afirmou Rodríguez determinará que “moitos deles a partir de decembro vaian á rúa”. Pola súa banda a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, confirmou a continuidade das negociacións entre universidades e Xunta para acadar un acordo sobre o novo Plan de I+D+i que deberá quedar fixado nun borrador que será sometido a estudo. En relación co programa de recursos humanos, Longo, afirmou que “insistimos na necesidade da continuidade, o que se traducirá nun borrador de convocatoria que se publicará no DOG”, mentres que no da creación dunha Axencia Galega de Investigación, a vicerreitora apuntou a conveniencia de incluír os aspectos relativos á investigación básica na Axencia Galega de Innovación que xa está en marcha, unha suxestión que foi aceptada polos promotores da iniciativa.

Convocatoria extraordinaria de promoción do PDI e reforma de regulamento do Consello de Goberno

Coa finalidade de ofrecer unha derradeira oportunidade ao persoal investigador e axudantes que tras rematar a súa vinculación coa Universidade non teñan sido seleccionados en ningún programa de promoción do persoal docente e investigador da institución a pesares de ter demostrado unha traxectoria de alto nivel, o Consello de Goberno acordou por unanimidade dar luz verde a un programa especial de promoción. O Plan que a vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez, definiu como”un plan de choque, un último esforzo para consolidar algún investigador máis”, desenvolverase como un concurso de méritos para determinar en que áreas de coñecemento se convocan cinco prazas de profesorado titular de universidade, unhas prazas que terán as mesmas obrigas docentes que as correspondentes ao profesorado a templo completo.

A iniciativa que contou co apoio de Nova Universidade aínda que Armando Caballero manifestou publicamente o seu temor ante a posibilidade de que “se poidan crear agravios comparativos nos próximo anos” e sobre a que o presidente do Comité de Empresa do PDI laboral do campus de Pontevedra, Bienvenido Pérez expresou o seu interese en que non se perdan as prazas, foi definida polo reitor, Salustiano Mato, como “unha oportunidade para quen estaba fóra, nun intento de non perder unha gota de talento atopando solucións intelixentes”.

A reforma do regulamento de réxime interno do Consello de Goberno co obxectivo de adaptalo á nova LOU e aos Estatutos da Universidade de Vigo e que afecta a varios artigos referidos ao xeito de realizar ás convocatorias, notificación de acordos, composición de comisións ou disposicións para garantir a paridade, tamén recibiu o apoio unánime dos membros do Consello de Goberno.

Recoñecemento de créditos de libre elección e normativa de cambio de área de coñecemento

Na sesión celebrada este luns tamén se aprobou que a partir deste momento e coa finalidade de axilizar o proceso sexa a Comisión de Extensión Universitaria a encargada do estudo, tramitación e aprobación das solicitudes para todo tipo de cursos e actividades susceptibles de recoñecemento por créditos de libre configuración.

Así mesmo e coa finalidade de adaptala aos cambios derivados da modificación da LOU, o Consello de Goberno aprobou a normativa para o cambio de área de coñecemento do PDI funcionario e do PDI contratado con vinculación permanente. A solicitude de cambio deberá ser remitida á vicerreitoría con competencias en materia de profesorado e será posteriormente estudada polo COAP que presentará unha proposta ao Consello de Goberno que na súa sesión ordinaria de hoxe tamén aprobou a proposta de modificación do plano de estudos do grao en Enxeñaría Informática que inclúe, entre outros cambios, os relativos á implantación do curso de adaptación para que os enxeñeiros xa titulados poidan obter o grao.

Xa na quenda de rogos e preguntas o presidente da Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos, Xan Cebro, lamentou o baixo ratio que presenta o PAS da Universidade de Vigo respecto do das outras dúas institucións académicas galegas coas que chegou a asegurar “temos unha diferenza abismal” e fixou en 145 os funcionarios que serían precisos na RPT. Pola súa banda e en nome dos Comités, Xavier García, demandou á Xunta de Galicia que manteña e incremente o investimento en educación universitaria, mentres que presidente do Comité de Empresa do PDI laboral do campus de Pontevedra, Bienvenido Pérez e o decano da Facultade de Química, Luis Muñoz, solicitaron, respectivamente, o desenvolvemento da normativa para definir os criterios do Plan de Organización Docente (POD), así como normativa que regule o traslado do profesorado entre campus.