DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén apoia un sistema discriminatorio por tramos de renda

O Consello de Goberno pronúnciase a favor da contención das taxas de matrícula durante os dous próximos anos

Na sesión ordinaria tamén se aprobou a liquidación e memoria económica de 2007

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/06/2008

Maioritariamente o Consello de Goberno da Universidade de Vigo pronunciouse hoxe a favor dunha limitación na suba das taxas de matrícula para os dous vindeiros cursos, de xeito que non se supere o 50% do crecemento anual do IPC oficial.
O pronunciamento, que segundo apuntou o reitor, Alberto Gago, “ten en consideración a actual situación económica”, ademais de defender a contención das taxas nos dous próximos anos, insta tamén a definir, canto antes, un novo sistema de taxas de matrícula discriminatorio por tramos de renda, o que permitiría non incrementar o importe das rendas máis baixas e aplicar incrementos máis que proporcionais para as más elevadas.
O acordo, no que se abstiveron os membros do grupo de oposición Nova Universidade, demanda, tamén, un reforzamento notable e simultáneo da oferta de bolsas, evitando así que ningún estudante con capacidades, corra o risco de quedar excluído por razóns económicas. O Consello de Goberno que con este acordo “adopta unha postura oficial que manifestar caso de que se nos solicite unha opinión”, dixo Gago, considera ademais que o novo sistema de financiamento universitario debe basearse fundamentalmente nos orzamentos públicos, o que cara o futuro permitirá adoptar medidas para limitar a suba das taxas de matrícula.
“Aínda que a competencia é do Ministerio que fixa unhas marxes, ás que logo a Xunta ten que adaptarse, coa aprobación deste pronunciamento, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo ten un posicionamento oficial sobre este asunto”, sinalou o reitor, Alberto Gago.

Aprobada a liquidación e memoria económica de 2007

A xerente da Universidade, Ana Fernández Pulpeiro foi a encarga da expoñer os pormenores da liquidación e memoria económica do ano 2007 que foi aprobada unanimemente polos membros do Consello de Goberno.
Fernández Pulpeiro confirmou que orzamento definitivo de ingresos de 2007 ascendeu a 189,9 millóns de euros, o que supón un incremento dun 24,5% por riba da cifra inicialmente orzamentada e que ten a súa orixe no incremento das transferencias correntes e de capital e a incorporación de remanentes do exercicio 2006.
Dado o equilibrio orzamentario, o orzamento definitivo de gastos é semellante ao de ingresos, 189,9 millóns de euros. Unha actividade de gasto caracterizada por un importante crecemento do gasto corrente dun 12%, destacando os incrementos nos gastos de persoal, bens correntes e servizos, así como bolsas e axudas para intercambios. Así mesmo mantense a tendencia investidora que se incrementa nun 10,4% respecto do 2006.
En canto ao balance, segundo confirmou a xerente “amosa unha situación patrimonial caracterizada por una forte solidez cun importante incremento do investimento e alta liquidez dos activos circulantes”. En canto ao financiamento, Fernández Pulpeiro apuntou que “é principalmente con capitais permanentes e cun escaso endebedamento externo o que garante unha elevada solvencia”.

Avanzando cara á implantación dos estudos de grao

Na sesión ordinaria celebrada hoxe, o Consello de Goberno aprobou con 25 votos a favor, tres en contra e seis abstencións, remitir a proposta de plan de estudos de grao á Comisión de Organización Académica e Profesorado, COAP, para o seu estudo de viabilidade académica e orzamentaria, de acordo cos recursos humanos e materiais existentes. A medida, que se insire dentro das directrices propias da Universidade de Vigo sobre estrutura e organización académica dos plans de estudo de grao, contempla que o número total de horas do estudante en cada materia debe ser de 25 horas por crédito ECTS e o número de horas presenciais estará comprendido entre o 30 e o 35% das horas totais ao longo dos estudos. Trátase, segundo apuntou o vicerreitor de Profesorado, Antonio García Pino “dunha normativa que non é ríxida xa que se trata de que as xuntas de titulación poñan sobre a mesa o que consideren axeitado”.
Fronte á postura defendida polo equipo de goberno, o grupo de oposición Nova Universidade demandou unha estrutura xeral e lamentou a gran incerteza que está presidindo o proceso. O profesor Javier Berrocal sinalou que “este documento non arranxa nada. Seguimos poñendo parches en cuestións básicas como o número de profesores que necesitamos ou os orzamentos dos que dispoñemos”, dixo.
Pola súa banda o reitor, Alberto Gago, replicou á oposición que neste momento non existe ningunha norma que diga canto vale un crédito ECTS, nin cantos graos haberá, polo que se trata con documentos como este de “facilitar o traballo ás xuntas de titulación dun xeito flexible e imaxinar con calma o número de grupos, prácticas ou dotacións necesarias. A norma busca certeza e tranquilidade”, dixo Gago.
O debate en torno a cuestións derivadas do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior continuou ao abordarse o calendario de aprobación de novas propostas de títulos de máster universitario para a súa implantación no curso 2009/2010. Coa discusión centrada nos tipos de máster, fronte á postura de Nova Universidade que volveu demandar a aprobación dunha norma que defina as implicacións que para o profesorado ten participar dun máster profesionalizante ou investigador, o reitor, Alberto Gago, lembrou a existencia dunha normativa da Xunta que o define e incidiu na importancia de “ter un documento de política que exprese opcións e argumentos”.

Outros asuntos

O Consello de Goberno tamén aprobou na sesión ordinaria de hoxe a participación da Universidade de Vigo na Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética ; a concesión dunha comisión de servizos ao profesor Antón Castro para desempeñar o cargo de subdirector xeral do Instituto de Patrimonio Histórico Español e o regulamento de réxime interno da Facultade de Química.