DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A excepción de Ciencias Ambientais, mantense o límite de prazas en todas as titulacións

O Consello de Goberno dá o viste e prace á convocatoria de axudas á investigación 2011

Chegouse a un acordo sobre a implantación de novos posgraos para o vindeiro curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 29/03/2011
O Consello de Goberno deu este martes o seu viste e prace ás axudas á investigación 2011, unha convocatoria que segue unha liña similar a do ano 2010, manténdose en liñas xerais os mesmos apartados e conceptos de axuda, se ben se tiveron en conta as restricións orzamentarias reducindo os importes máximos dalgunhas axudas. Dende o equipo de goberno destacaron, sen embargo, que se mantiveron invariables, “ e incluso aumentaron lixeiramente, os importes das axudas orientadas á formación de investigadores, tanto bolsas e contratos de predoutoramento como estadías de investigación”, tal e como subliñou a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo.

Algúns dos aspectos máis significativos que varían con respecto á convocatoria do ano 2010 fan referencia ao programa de bolsas e axudas á formación. Mantéñense as axudas á etapa de mestrado e de realización da tese de doutoramento, “facendo especial énfase neste apartado”, subliñou a vicerreitora, quen tamén explicou que se manteñen as axudas á formación en áreas de especial dificultade para formar doutores, simplificando o formato da convocatoria para facilitar o proceso de solicitude.

Nesta nova convocatoria, que foi tamén ben valorada por parte dos membros de Nova Universidade, optouse por simplificar os chamados contratos programa, marcando uns requisitos mínimos de composición de grupos, sen distinción de categorías. Ademais, dentro das axudas a proxectos internacionais de I+D, formúlanse dúas modalidades de axudas: na primeira refúndense as modalidades preexistentes orientadas á preparación de proxectos internacionais e, na segunda, créase unha nova modalidade de axuda á participación en redes internacionais non subvencionadas “que poidan facilitar a preparación de propostas de proxectos nesta mesma liña”, subliñou a vicerreitora.

Mantéñense os límites de prazas

A excepción de Ciencias Ambientais que, tal e como estaba previsto na súa memoria de grao pasa de 40 a 45, o conxunto de graos que imparte a Universidade nos tres campus (26 en Vigo, 14 en Ourense e 11 en Pontevedra) manteñen para o vindeiro curso os límites de prazas que xa se establecera para este curso, tanto naquelas titulacións que se imparten nos centros propios como nos adscritos.

Ademais, nesta sesión aprobouse tamén a normativa que regula o traslado de estudantes entre graos, salientándose que, se deben reservar a este fin cando menos o 2% do total das prazas ofertadas en cada titulación para alumnos de novo ingreso.

Límite de prazas dos graos (35.29 Kb)

Reorganización dos posgraos

Noutro punto da orde do día, o Consello de Goberno chegou a un acordo polo que o vindeiro curso non se implantarán novos estudos de posgrao, agás que sexan froito da unión/refundición da oferta xa existente na actualidade; estean ligados a competencias profesionais reguladas, “algo que vai acontecer sobre todo no ámbito das enxeñarías”, tal como subliñou a vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez; sexan unha proposta de interese estratéxico para a propia Universidade; veñan adheridas a unha oferta interuniversitaria de claro interese ou formen parte dos posgraos Erasmus-Mundus.

A Universidade de Vigo, onde este curso se están a impartir 79 mestrados, comeza así a reorganización dos estudos de mestrado. “Queremos facer unha reflexión sobre este tema”, subliñou o reitor, Salustiano Mato, ao tempo que explicou que se está xa a traballar nun mapa de titulacións de posgrao “que esperamos poder levar ao Claustro o próximo outono”, apuntou en relación á petición de Nova Universidade de elaborar este mapa “de xeito rigoroso e en diálogo cos diferentes centros”, tal e como subliñou o líder da formación, Jaime Cabeza, que se referiu á situación actual como “política das silveiras” en referencia “á falta de orde e planificación na política de oferta de posgraos”. “Nós entendemos que hai que parar e reflexionar, pero desde o noso punto de vista este esforzo de racionalización non vai por pechar a emerxencia de novos mestrados e dar por bo todo o que xa está”, subliñou Jaime Cabeza, en relación á necesidade da Universidade de dotarse do mapa de titulacións de posgrao.

Cambio de denominacións

Nesta sesión aprobouse tamén o cambio de denominación do título propio Graduado Universitario en Deseño Téxtil e Moda polo de Titulado Superior en Deseño e Moda. Tamén na orde do día estaba a solicitude de creación da Facultade de Comercio presentada pola EU de Estudos Empresariais e á que a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais presentou unha alegación solicitando estudar máis en detalle a posibilidade de integración da EUEE e a FCEE de Vigo nun único centro. Finalmente, tras a conseguinte votación, o Consello de Goberno decidiu adiar o proceso de cambio de denominación e aceptar a alegación da facultade.

Outros temas

O Consello de Goberno aprobou a posta en marcha dun curso complementario ou curso ponte que permita aos diplomados en Relacións Laborais ou Graduado Social a obtención do título de Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. Será un curso de 60 créditos ECTS e do que o vindeiro ano se ofertarán 20 prazas. Ademais, tamén relativo a temas de docencia, acordouse suprimir a proba de acceso de coñecemento de idiomas ao Grao en Tradución e Interpretación, quedando como únicos requisitos de matriculación os xerais establecidos para a Universidade.
A creación do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, a elección da Comisión de Estudos de Posgrao e da Comisión da Biblioteca, foron outros dos aspectos aprobados nunha sesión na que tamén se deu o visto e bo a un total de once novos convenios de colaboración.