DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ICES agrupa a 1600 científicos de 20 países que estudan o ecosistemas e recursos do Atlántico Nort

O Consello Internacional para a Exploración do Mar súmase aos apoios do Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 26/04/2010

O Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), o organismo intergobernamental, dedicado á coordinación e promoción da investigación en oceanografía, ecosistemas mariños e recursos mariños no Atlántico Norte, vén de confirmar o seu apoio ao proxecto de Campus do Mar co que a Universidade de Vigo concorrerá á vindeira convocatoria de Campus de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación.
A urxente necesidade de estudos multidisciplinares dos mares rexionais para apoiar os requisitos para unha xestión integrada sobre os múltiples usos dos ecosistemas mariños, é unha das actividades propostas no Campus do Mar que se axustan ás dirección estratéxicas do ICES durante as próximas décadas. A integración da información oceanográfica xunto con estudos do mundo da pesca e da acuicultura, así como a consideración de disciplinas socio-económicas é unha prioridade de futuro para o ICES que recoñece estes atributos, xunto ao enfoque en excelencia científica e colaboración internacional na proposta de Campus do Mar.

O organismo de maior antigüidade e prestixio internacional dedicado á investigación mariña

1600 científicos de 200 centros de investigación de 20 países europeos, ademais de Estados Unidos e Canadá, conforman o ICES que desde 1902 deseña, coordina e promove a investigación mariña, ao tempo que actúa como asesor científico de carácter internacional. Bélxica, Dinamarca, Estonia, Finlandia, Reino Unido, Francia, Alemaña, Islandia, Irlanda, Letonia, Lituania, Holanda, Noruega, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza, Canadá, Estados Unidos, ademais de España, son os países que integran a través dun acordo intergoberrnamental o ICES, o organismo de maior antigüidade e prestixio internacional dedicado á investigación dos recursos mariños e pesqueiros.
O traballo desenvolvido pola representantes española no ICES e investigadora do Instituto Español de Oceanografía (IEO) no seu centro de Vigo, Carmela Porteiro, fixo posible o apoio do Consello Internacional para a Explotación do Mar ao Campus do Mar que conta entre os membros da agregación de I+D co IEO.