DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este mércores a súa última sesión plenaria de 2022

O Consello Social aproba o maior orzamento da historia da UVigo: case 228 millóns de euros

Na reunión tamén culminou a tramitación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 28/12/2022

Tras as súa aprobación no claustro e no consello de goberno, a proposta de orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2023 rematou este mércores a súa tramitación coa súa aprobación por parte do pleno do Consello Social da UVigo, que celebrou no campus de Ourense a súa última sesión de 2022. Deste xeito, dáse luz verde ao maior orzamento da historia da institución académica, que supera por primeira vez os 200 millóns de euros, situándose concretamente en 227.915.618 euros.

Ademais de aprobar a proposta de orzamento da UVigo para o exercicio 2023, na sesión, entre outros moitos temas, tamén se ratificou tanto o teito de gasto da Universidade de Vigo para o vindeiro ano como a Oferta de Emprego Público do PDI da institución académica para o ano 2022. Esta oferta contempla un total de 117 prazas de emprego público para o persoal docente e investigador (PDI), das que 52 corresponden a profesorado titular de universidade, 40 a catedráticos e catedráticas de universidade e 25 a profesorado contratado doutor, reservándose 12 de titular de universidade para a contratación como persoal laboral fixo de persoal investigador doutor que finalizase o programa Ramón y Cajal e obtivera o certificado I3. Igualmente aprobouse o orzamento do Consello Social para o vindeiro exercicio.

Valoracións moi positivas

“Hoxe traemos uns orzamentos que son un absoluto récord”, afirmou Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. Acadar estes case 228 millóns de orzamento, dixo, foi posible grazas “á subvención que nos chega da Xunta de Galicia coa aplicación do Plan Financeiro do Sistema Universitario de Galicia, que está a dar bos resultados, e por un extraordinario éxito dos nosos investigadores e investigadoras" na captación de recursos. A súa aprobación por parte do Consello Social, indicou, pecha un ano que foi “globalmente moi positivo para a Universidade de Vigo”, apuntando como alén das cuestións orzamentarias "estamos traballando arreo para a renovación do persoal, especialmente do PDI” e “seguimos avanzando nas medidas de igualdade e na sostibilidade do noso sistema, con investimentos importantes no eido das enerxías renovables”.  

Pola súa banda, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, apuntou como este último pleno do ano da entidade que preside é fundamentalmente de contido económico. Pedrosa amosou a súa satisfacción por poder volver a celebrar este pleno na cidade de Ourense, dado que debido á pandemia se tivo que interromper a súa celebración rotatoria entre os tres campus da UVigo. Tras anos nos que a pesar da pandemia, a Universidade de Vigo fixo un traballo “impecable”, comentou o presidente do Consello Social, apróbanse agora uns orzamentos "equilibrados" que amosan, dixo, como “a Universidade de Vigo está en plena forma, tendo un presente moi bo e un futuro tamén moi bo”. Neste senso, subliñou igualmente que por parte da Xunta de Galicia “hai un bo plan de financiamento das tres universidades galegas que cumpre as expectativas”.

Os orzamentos, explicados ao pleno pola xerenta da UVigo, Yolanda Lesmes, son os primeiros elaborados pola Xerencia en sustitución da Vicerreitoría de Economía tras a entrada en vigor dos novos Estatutos da UVigo. Os seus case 228 millóns supoñen un incremento do 14,7% en relación co exercicio de 2022. Este incremento vén derivado da sinatura do novo plan de financiamento do SUG (PFSUG) e do incremento na captación de fondos por mor das novas convocatorias para a investigación e dos fondos do Mecanismo para la Recuperación y la Resiliencia, MRR. No que se refire a ingresos, o capítulo de transferencias correntes segue a ser o máis importante do total dos ingresos (63%), constituíndo a fonte de ingresos máis importante do orzamento da Universidade de Vigo e o seu volume increméntase e máis dun 3%, debido principalmente á maior achega para o financiamento do incremento salarial do persoal funcionario e laboral aprobado nos orzamentos do Estado para o exercicio 2023 (2,5 %), así como o incremento salarial do 1,5 aprobado polo Real decreto lei 18/2022, do 18 de outubro e tamén polo incremento de axudas da Administración Xeral do Estado. No que se refire aos gastos, a maior porcentaxe do crecemento pivota sobre o incremento dos custes de persoal (curses que representan o 59,22% do total do orzamento cun importe de 134.968.199 euros) e os custo do subministracións de gas, electricidade e combustible.

Novo instituto para Ourense

Tamén despois de ser aprobado primeiro en claustro e logo en consello de goberno, na sesión plenaria do Consello Social da UVigo tamén se deu luz verde á creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Xurdido como unha evolución necesaria da agrupación estratéxica CITACA, tras decidir a Xunta non financiar este tipo de estruturas, o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación nace coa vocación de converterse nunha referencia na promoción, a través da I+D+i, da transición cara a sistemas agroalimentarios máis resilientes, sostibles e seguros. Saúde e calidade do solo; xestión e valorización de subprodutos; xestión e manexo de cultivos e calidade e seguridade dos alimentos, son as prioridades deste instituto que contará con 17 liñas de investigación e 24 investigadores garantes e promotores. Tras esta ratificación, o seguinte paso será a celebración da primeira reunión da xunta directiva deste instituto para que empece a funcionar.

“Esta é unha ferramenta moi importante para nós, para o campus de Ourense. Pensamos que vai a ser moi importante para a investigación tanto do ámbito agrícola como alimentario que se fai no campus de Ourense e que nos coloca entre as 75 mellores universidades do mundo”, subliñou Manuel Reigosa. O reitor destacou que este instituto será ademais unha das patas do futuro Agro Food Tech Lab, que “é un laboratorio de investigación ibérico que está xa asinado polas partes no anterior cumio ibérico de España e Portugal”. A posta en marcha en 2023 deste Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, xunto ao tamén recentemente creado Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais, ambos con sede no campus de Ourense, serán, dixo o responsable académico, “un pulo moi importante” para este campus. Xunto a estas novidades, Reigosa amosou a súa confianza en que o vindeiro ano “se desenvolva finalmente o proxecto do edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que cremos que é unha necesidade” e que se avance no desenvolvemento urbanístico do campus de Ourense. Neste senso, Ernesto Pedrosa destacou pola súa banda que “estase potenciando moito este campus”.