DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reuniranse este martes na Casa das Campás

O Consello Social celebra o seu primeiro pleno con Ernesto Pedrosa como presidente

Un dos principais puntos da orde do día será a concesión de máis axudas a prácticas de alumnos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 28/11/2011

A Casa das Campás acolle este martes o primeiro pleno do Consello Social da Universidade de Vigo presidido por Ernesto Pedrosa, cargo que asume dende o pasado 23 de setembro en substitución de Emilio Atrio. Entre unha extensa orde do día, destaca en primeiro termo a proposta do novo presidente de incrementar a dotación para prácticas do alumnado da Universidade, así como a asignación de axudas a distintas iniciativas, con un importe total próximo aos 50.000 euros, prestando especial atención ás titulacións con dificultades para realizar prácticas preprofesionais, para as que se convocará un novo plan de axudas.

Os membros do Consello Social decidirán, entre outros temas, as asignacións de retribucións adicionais a profesores da Universidade; a adxudicación de bolsas para estudantes de segundo ciclo; a aprobación das taxas de matrícula dos Programas de Maiores nas Aulas de Formación Aberta dos tres campus; as axudas excepcionais a alumnado con dificultades para continuar os seus estudos, ou a edición de carpetas-guía para aqueles que se matricularon por primeira vez na Universidade. Durante a xuntanza darase lectura ao informe do reitor, Salustiano Mato, sobre cuestións de goberno, financiamento e funcionamento, e tomará posesión do seu cargo como membro do consello Agustín Fernández, concelleiro de Educación, Deporte e Universidade, en representación do Concello de Pontevedra.

Por outra banda os membros do consello debaterán a proposta de nomeamento da comisión organizadora do terceiro Acto de recoñecemento aos empresarios que colaboran coa Universidade de Vigo, previsto para o 2012, despois de anteriores edicións nas que participaron como convidados de excepción Ana Patricia Botín e Ferrán Adriá.