DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello Social examinou e avalou os novos títulos propostos pola Universidade de Vigo

Foi elixida a nova Executiva e ratificadas 66 bolsas a alumnos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 15/11/2012
O Pleno do Consello Social da Universidade de Vigo, presidido por Ernesto Pedrosa, informou favorablemente dos 33 novos Programas de Doutoramento propostos para implantar no curso 2013/2014, compartidos en gran parte con outras universidades próximas. Do mesmo xeito, pronunciouse a favor das modificacións dos graos en Educación Infantil, Educación Social, Traballo Social, Enxeñaría Informática e Bioloxía, e deu luz verde á extinción de oito títulos de mestrado para o vindeiro curso, por reorganización da oferta ou pola creación de novos títulos.

O informe emitido resulta preceptivo, segundo dispón o artigo 8 da LOU que esixe como requisito imprescindible para a implantación de ensinanzas oficiais un informe previo e favorable dos Consellos Sociais. Entre as propostas examinadas non se incluíu a correspondente ao grao en Enxeñaría Física que, se ben estaba prevista na orden do día, non foi informada por non ter superado a súa tramitación previa no Consello de Goberno por non incorporar unha análise das necesidades presentes e futuras en recursos humanos, infraestruturas e outras necesidades para a súa implantación, o que impediu completar o expediente nos termos esixidos. Sobre este asunto, o Pleno do Consello deuse por informado, despois de escoitar as explicacións pormenorizadas da vicerreitora de Organización Académica, Margarita Estévez. O Pleno refrendou a proposta de dirixirse ao equipo de goberno da Universidade para que analice e resolva as dificultades detectadas na memoria de viabilidade económica, e traballe co obxectivo de conseguir desbloquear a proposta para a súa implantación no curso 2014/2015.

Renovación da executiva e novas bolsas

Entre outros asuntos tratados durante a xuntanza celebrada no campus de Vigo, o Consello Social ratificou a asignación das 66 bolsas de colaboración concedidas á Universidade polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Estas bolsas están destinadas a iniciar nas tarefas de investigación ao alumnado do último curso de grao, de segundo ciclo de licenciatura o de primeiro de máster. O importe de cada unha das axudas é de 2700 €, igual cantidade que no curso pasado.

Así mesmo foi nomeada a nova executiva, presidida por Ernesto Pedrosa, da que forman parte o reitor, Salustiano Mato, Javier Garrido Valenzuela, José Paraños Pardo, a pontevedresa Ana Isabel Vázquez e a ourensá Mónica Vázquez. E a Comisión Económica composta por Daniel Barata Quintas, o xerente, Manuel Fernández Jáuregui, o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez, Jorge Cebreiros Arce, Emilio López Fernández, César Enrique Martínez Gómez e Xulio Calviño Rodríguez. En sucesivas reunións nomearanse as restantes comisións delegadas do pleno e serán designados os vicepresidentes.

No apartado de axudas aprobadas destacan a concedida á organización do “XI Memorial Filgueira Valverde” no campus de Pontevedra, dedicado ao arquitecto Alejandro de la Sota, e a outorgada a un alumno que demandaba unha axuda excepcional para proseguir os seus estudos este curso.