DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entidade celebrou un novo pleno na Facultade de Belas Artes

O Consello Social felicita á Universidade pola súa boa saúde económica

O reitor avanzou algunhas das prioridades que se levarán a cabo no campus o vindeiro curso

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 27/06/2012

O campus de Pontevedra acolleu este mércores a celebración dun novo pleno do Consello Social da Universidade cunha orde do día “cun marcado acento económico”. Así, os seus membros deron luz verde, entre outras cuestións, ás contas auditadas de 2011 da propia Universidade, da súa fundación, da Cidade Universitaria e da Cidade Tecnolóxica e aproveitaron para felicitar á institución pola xestión económica realizada no exercicio anterior, “pois pódese dicir, sen ningunha dúbida, que a Universidade de Vigo goza dunha boa saúde económica porque soubo facer os deberes e axustarse antes de tempo á crise actual”, declarou Ernesto Pedrosa, presidente do consello, ao remate da reunión.

Tras a exposición do orzamento de ingresos e gastos da Universidade por parte do xerente Manuel Fernández Jáuregui e visto o informe da auditoría, o Consello Social puido comprobar “que a planificación dos orzamentos de 2011 cumpríronse perfectamente e que as contas correspóndense co planificado, sen apartarnos nin unha coma”, sinalou o reitor Salustiano Mato que tamén fixo alusión ao plan de sustentabilidade “o que cumprimos perfectamente garantindo así o futuro da institución”. O reitor lembrou que o consello é unha entidade formada por axentes externos “que teñen, entre outras cuestións, a competencia de aprobar os orzamentos da Universidade, dan a última palabra”, de aí que Mato agradecera “fondamente” as felicitacións recibidas. O presidente do Consello Social sinalou que o descenso da cantidade orzamentaria de 2012 con respecto á de 2011, pasando de 168 millóns de euros a 163, “non vai afectar ás partidas transcendentais e non hai practicamente ningún proxecto importante de innovación e desenvolvemento que non se poida facer por cuestións económicas”, engadiu.

No transcurso do pleno deste mércores tamén se aprobaron as novas taxas académicas derivadas do recargo por pagos ou anulacións de matrículas fóra de prazo; axudas especiais a unha alumna de Ciencias Económicas incapaz de facer fronte ao custe da matrícula do vindeiro curso; complementos a profesores; informes de novos mestrados; novos convenios e a supervisión de taxas de cursos complementarios. Desta volta, o pleno do Consello Social da Universidade celebrouse na Facultade de Belas Artes, “enmarcado dentro da nosa intención de ir rotando polos tres campus para que os membros teñan a oportunidade de coñecer todas as instalacións e centros desta institución”, matizou Pedrosa que tamén remarcou “a boa harmonía” entre o consello e o equipo reitoral “debendo continuar nesta liña polo ben da sociedade galega, dos estudantes a da propia Universidade”.

Plan estratéxico baixo o binomio creatividade-deporte

Ante as preguntas dos xornalistas sobre as prioridades para o curso que vén no campus de Pontevedra, Salustiano Mato subliñou que ten “o futuro garantido” grazas á súa especialización e singularización na oferta de titulacións. “En outono darase pulo ao plan estratéxico deste campus que xira arredor do binomio creatividade-deporte, o gran sinal de identidade e da internacionalización de Pontevedra”. En canto ao investimento en infraestruturas, Mato remarcou que a prioridade “son as persoas” e fixo fincapé na necesidade de buscar recursos e financiamento externos para facer fronte ao proxecto do Edificio das Artes, á ampliación de Fisioterapia e a outras melloras no campus.