DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No último pleno do ano, celebrado na Casa das Campás

O Consello Social dá luz verde a un orzamento no que se combinan equilibrio e proxección

O reitor anunciou a posta en marcha en 2015 de programas vinculados ao proxecto Campus Crea

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 29/12/2014

Despois do seu paso polo Claustro e polo Consello de Goberno, o orzamento da Universidade para 2015 foi aprobado de xeito definitivo no pleno do Consello Social que este luns tivo lugar na Casa das Campás. Co voto favorable de todos os presentes, deuse luz verde a un orzamento que ascende a 165,2 millóns de euros e que vén marcado pola "importancia que outorga tanto á estabilidade" en materia económica como á "proxección" da institución académica, como destacou o presidente deste órgano, Ernesto Pedrosa, quen realizou unha avaliación “moi positiva” das contas aprobadas nesta sesión. Do mesmo xeito, o reitor, Salustiano Mato, tamén se felicitou pola ratificación do documento que marca “a programación económica da Universidade para o ano 2015” e co que se trata de continuar na senda “de solvencia e boa saúde económica nestes tempos tan difíciles”.

A aprobación dunhas contas que, tras varios de descenso e estancamento, implican un incremento do 3,48% con respecto ao orzamento do presente exercicio, constituíu o punto central dunha sesión plenaria de carácter fundamentalmente económico, como relatou Pedrosa. Neste senso, o presidente do Consello Social incidiu no traballo levado a cabo para que institución académica se manteña “sen débedas, cun déficit cero”, nunha aposta polo “equilibro orzamentario que non impide que a Universidade de Vigo sexa cada vez máis punteira tanto no ámbito da investigación como nos ránkings, nos que cada vez ocupa posicións máis privilexiadas”.

Un futuro marcado pola negociación do novo plan de financiamento

A captación de recursos externos e o desempeño nos obxectivos do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG) contribuíron a que a Universidade poida retornar á senda do crecemento no que será o último orzamento inserido no actual plan de financiamento autonómico. Nese senso, a presentación realizada nesta sesión plenaria da planificación plurianual para os próximos catro exercicios viu marcada polos diferentes escenarios que poidan resultar do proceso de negociación do plan que rexerá o período 2016-2020. Neste punto, o reitor fixo énfase en que tanto a planificación económica como o novo plan estratéxico que vai elaborar a Universidade “van depender en gran medida de como se concreten estas negociacións”. De aí que nesta sesión se presentasen ao Consello Social unhas “perspectivas de carácter plurianual” nas que se contemplan tres situacións, “unha pesimista, unha dun crecemento moderado e outra máis optimista”, como apuntou o reitor. Deste xeito, a institución académica amosase “preparada para calquera escenario, xa que en todos eles buscaremos garantir a estabilidade orzamentaria”, relatou Mato.

Avanzar na especialización e na humanización

Por outra banda, Mato trasladou aos representantes do Consello Social a vontade da institución académica de continuar avanzando no proceso de especialización do campus pontevedrés no vindeiro exercicio. O reitor informou de que no presente mes vén de constituírse a comisión técnica que traballará no desenvolvemento do plan estratéxico do Campus Crea. Tralo “reparto de tarefas” realizado, o seguinte paso será “comezar a preparar a planificación de actividades para este campus”, de tal xeito que ás iniciativas que se desenvolven de xeito habitual en Pontevedra se sumen en 2015 outra serie de proxectos e programas que contribúan a outorgar ao campus “un valor engadido a través da especialización”, como salientou o reitor.

Así mesmo, Mato tamén apuntou que no vindeiro ano tamén se acometerán melloras no campus co obxectivo de convertelo “no primeiro de España con bandeira verde” da man do proxecto Green Campus, dirixido a conseguir para Pontevedra o recoñecemento que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education) polo labor realizado a prol da educación ambiental e o desenvolvemento sostible. Por outra banda, no relativo ao orzamento que se viña de aprobar de xeito definitivo, Mato incidiu en que as partidas asignadas ao campus “mantéñense ou mesmo se incrementan nalgúns casos” e apuntou que os investimentos que nel se realizarán estarán centrados tanto no “mantemento e mellora de todos os edificios” como a “proseguir coas seguintes fases do proxecto de humanización” do campus pontevedrés.

Por outra banda, o pleno tamén informou favorablemente do teito de gasto da Universidade para o vindeiro exercicio, que se sitúa nos 177 millóns de euros, da asignación de complementos ao persoal docente e investigador ou dunha modificación parcial da relación de postos de traballo. Do mesmo xeito, tamén se procedeu á aprobación do orzamento do Consello Social para o 2015, que se mantén nos 370.000 euros, e se informou do plan de actuacións e dos obxectivos que rexerán a actividade deste organismo o vindeiro ano, e que virarán arredor de tres eixos, segundo apuntou Pedrosa, “o alumnado, o mecenado e a comunicación”.