DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sesión plenaria celebrada este venres na Facultade de Fisioterapia

O Consello Social ratifica un orzamento “equilibrado e satisfactorio”

O reitor confirmou que o plan estratéxico do Campus CREA presentarase no primeiro semestre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 27/12/2013
Tralo seu paso polo Consello de Goberno e polo Claustro, o orzamento da Universidade para 2014 foi aprobado de xeito definitivo e unánime este venres polo pleno do Consello Social, que se reuniu na Facultade de Fisioterapia, no campus de Pontevedra. Como “equilibrado e máis que satisfactorio para as épocas actuais”, definiu o orzamento o presidente deste organismo, Ernesto Pedrosa, quen felicitou ao equipo de goberno por unha xestión pola que “se manteñen as contas saneadas e se prevé unha estabilidade sen sobresaltos ata o ano 2015”. En termos similares pronunciouse o reitor, Salustiano Mato, quen conclúe que a unanimidade manifestada polo Consello Social avala “a estratexia da Universidade e os bos resultados da mesma, a pesares dos tempos que vivimos”.

A un total de 159,6 millóns de euros ascende o orzamento do que disporá a institución académica en 2014, o que supón unha diminución do 2,18% con respecto ás contas do actual exercicio, un descenso que vén motivado, na maior parte, pola baixada salarial aplicada pola Xunta e a minorización do financiamento pola previsión dunha maior recadación nas segundas e sucesivas matrículas. Mais, como xa se expuxo no Claustro e no Consello de Goberno, a capacidade da Universidade para captar recursos alleos ao Plan de Financiamento autonómico permite á institución manter unha situación e equilibro orzamentario a pesares da redución de ingresos que supuxo a baixada salarial, a diminución dos fondos en convocatorias de investigación en concorrencia competitiva ou as dificultades das empresas para manter actividades de I+D+i.

Neste senso, Pedrosa incidiu en que, tendo en conta a redución en 4,8 millóns na achega económica do Goberno galego, o orzamento aprobado nesta xornada supón un “incremento real” do 0,31% con respecto ao de 2013. Así mesmo, salientou que a introdución no Plan de Financiamento autonómico da distribución de fondos en base a “criterios obxectivos de resultados” permite á institución académica obter unha maior porcentaxe no reparto do financiamento, o que “pon en valor a defensa que fixo deste modelo a Universidade”. Por estas cuestións, Pedrosa subliñou que “a Universidade de Vigo mantén un comportamento positivo con respecto a outras universidades galegas e do resto do Estado en canto ás necesidades e capacidades de financiamento”.

O apoio brindado polo Consello Social ao orzamento foi agradecido por Salustiano Mato, quen concluíu que este organismo “vén de avalar a política de xestión e o modelo de universidade” defendido desde o equipo de goberno, así como os “bos resultados” obtidos por esta institución.

O plan estratéxico do Campus CREA, no primeiro semestre

Esta sesión plenaria tamén serviu ao reitor para informar aos integrantes do Consello Social do traballo que se está levando a cabo no proxecto de especialización de Pontevedra como Campus CREA, co que se tratará de “potenciar non só as capacidades da Universidade, senón tamén as da propia cidade e comarca, para que se visualicen a nivel internacional”, destacou Mato.

Poñendo o foco nos “puntos fortes do campus” como son “o deporte e a saúde, a creatividade e a arte, a comunicación, a educación, a xestión pública e o bosque”, desde a institución académica estase a desenvolver o plan estratéxico deste proxecto de especialización, que se pretende ter rematado “no primeiro semestre” de 2014 para a súa remisión á Xunta. De aí que xa se puxera en funcionamento a comisión de coordinación científica do campus e comezasen a realizarse enquisas aos investigadores e investigadoras co obxecto de “recoller as súas inquedanzas”. Nesa mesma liña, a partires de xaneiro procederase tamén a realizar entrevistas “a persoas de significación e relevancia social tanto das institucións como do tecido socioeconómico de Pontevedra” para poder ter tamén en conta as súas opinións na elaboración o antedito plan estratéxico.

Mecenado, promoción da inserción laboral e acción social

Por outra banda, o Consello Social tamén aprobou a creación das Empresas de Base Tecnolóxica (EBT) Biotecnogal SL e Volta Space SL, así como a convocatoria de practicums do organismo, dotada con 30.000 euros. Ademais, o pleno tamén informou favorablemente do teito de gasto da Universidade no vindeiro exercicio, que ascende a 169,4 millóns de euros, e da obriga da institución de confeccionar a liquidación do orzamento de 2013 antes do 1 de marzo.

Na orde do día figuraba así mesmo a aprobación do orzamento do propio Consello Social, que se mantén nos 370.000 euros, e o seu plan de actuación para 2014. Con respecto a este último, Pedrosa explicou que estará centrado en contribuír á “adecuación da oferta de titulacións ás necesidades da sociedade”, en promover a inserción laboral do alumnado e no “achegamento ao mundo empresarial”. O apoio ao mecenado como un “obxectivo transversal” e a acción social, centrada en “atender aos estudantes en risco de exclusión” a través de bolsas ou axudas, constitúen outras dúas liñas básicas deste plan de actuación. A estes obxectivos, Pedrosa engadiu a importancia de “avanzar nun mellor entendemento entre Universidade e sociedade” a través dos medios de comunicación. A este respecto, anunciou que o Consello Social asinará un convenio coa Fundación Universidade de Vigo “para desenvolver accións de difusión e presenza exterior” da institución académica.