DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As contas foron aprobadas por unanimidade no pleno celebrado na Casa das Campás

O Consello Social ratifica o orzamento da Universidade para 2018

Cun incremento do 4,31% respecto do actual, trátase do máis elevado desde 2011

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 27/12/2017

Trala presentación das súas liñas básicas no Claustro e a súa aprobación polo Consello de Goberno, o orzamento da Universidade de Vigo para 2018 foi aprobado de xeito definitivo no pleno do Consello Social celebrado este mércores na Casa das Campás. Cun incremento do 4,37% respecto do actual, o orzamento da institución académica ascenderá en 2018 aos 172,5 millóns de euros, o máis elevado desde 2011, grazas ás estimacións realizadas da contribución do programa Horizonte 2020 da Unión Europea, que achega novos fondos para o financiamento de proxectos de investigación. A “capacidade de consecución de ingresos” da institución académica foi precisamente un dos aspectos salientados das contas ratificadas por unanimidade nesta sesión polo reitor, Salustiano Mato, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.

O vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, foi o encargado de presentar un orzamento que recolle no seu capítulo de ingresos un incremento do 11% nas transferencias de capital, derivadas dese aumento da captación de recursos en convocatorias de concorrencia competitiva e o mantemento das axudas para as agrupacións estratéxicas e os centros singulares de investigación. No relativo aos gastos, as contas amosan un incremento do 5% na contía destinada ao capítulo de persoal, que supón preto do 60% do gasto total, seguido do capítulo de investimentos reais cunha contía próxima aos 33 millóns de euros. Nese senso, Mato subliñou a “aposta polas persoas e pola consolidación do emprego” que implica, “ser unha das poucas institucións públicas que nestes anos de crise creceu no seu capítulo de persoal, non só neste orzamento senón de forma acumulada”, concretamente, un 15% desde 2012. Pedrosa, pola súa banda, salientou o labor do equipo de goberno da institución, “que fixo unha xestión económica extraordinaria”, e destacou tamén a“ausencia de débeda e déficit”.

Balance de 2017 e liñas de actuación para 2018

A sesión plenaria abriuse cos informes do presidente deste órgano de representación da sociedade na Universidade e do reitor, quen deu conta, entre outros asuntos, da reunión da Conferencia de Reitores do Suroeste de Europea (Crusoe) celebrada este mes en Salamanca e na que este órgano abordou o desenvolvemento dun “programa de cooperación macorrexional” que permita “traballar en problemas comúns” no espazo das seis rexións que integran a Macrorrexión de Rexións do Sudeste Europeo (Resoe).

Así mesmo, no último pleno de 2017, o Consello Social abordou tamén o teito máximo de gasto da Universidade para 2018, fixado nos 189 millóns de euros, así como as liñas xerais do orzamento para o vindeiro ano o Consello Social, que se sitúa de novo en preto de 370.000 euros. Pedrosa presentou tamén o plan de actuación do consello para 2018, no que destacan as accións de "apoio ao estudantado", como o desenvolvemento de “novos modelos de acollida e integración” do alumnado de novo ingreso, a través de programas de mentoring en diferentes facultades. Tamén, a aposta polo mecenado “como algo prioritario”, a través de iniciativas, como a celebración das IV Xornadas de Fundraising e Mecenado, que contribúan a concienciar da importancia dunha vía de obtención de fondos, “a través da que xa se captan dous millóns de euros”; así como polos titulados e tituladas mediante a creación dunha base de datos e dunha “oficina do egresado”, así como coa “publicación e presentación, cun foro aberto nos tres campus, dos resultados do observatorio de ergresados”.