DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No pleno da entidade celebrado este martes no campus de Ourense

O Consello Social da Universidade aproba a normativa de permanencia e progreso do alumnado

A iniciativa permitirá aos estudantes ter maior control dos seus resultados académicos

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 02/04/2013

Crear un marco que regule a permanencia e o progreso do alumnado, atender ás novas metodoloxías docentes que contemplan todo o traballo do estudante, incorporar cuestións concretas que permitan conciliar os estudos coa vida laboral ou familiar e facilitar o desenvolvemento de universitarios con necesidades especiais. Con estes catro obxectivos básicos, o Consello Social da Universidade de Vigo vén de aprobar este martes a nova Normativa de Permanencia e Progreso do Alumnado das titulacións oficiais de grao e mestrado desta universidade, que se porá en marcha o vindeiro curso académico.

Máis autonomía para o alumno, menos fracaso académico

A aprobación produciuse durante a celebración do pleno do Consello Social que tivo lugar este martes no campus de Ourense e que contou con participación de case todos os seus 28 membros, que son representantes da Universidade de Vigo, do Parlamento autonómico, da Xunta de Galicia, das confederacións empresariais de Ourense e de Pontevedra, dos sindicatos e dos concellos de Vigo, Ourense e Pontevedra. “Con esta aprobación damos resposta a unha lei estatal de obrigado cumprimento pero sobre todo facemos un cambio de paradigma. A nova norma establece o tempo máximo de dedicación para realizar os estudos e se esixe un rendemento mínimo por curso académico”, destacou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, trala celebración do pleno. “Foi unha elaboración ardua pero conseguimos que hoxe chegara ata aquí e se aprobase e iso é un motivo de gran satisfacción”, apuntou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade.

Segundo explicou o reitor da Universidade de Vigo, esta norma permitirá, dun xeito flexible, axudar a minorar o fracaso académico dándolle máis autonomía ao alumnado, que poderá compatibilizar estudos e outras obrigas, xestionar a súa propia bolsa de créditos académicos e ter un itinerario personalizado que atenda ás súas necesidades específicas, entre outras moitas cuestións. A iniciativa, salientou Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, contribúe ademais a garantir un uso racional, eficaz e responsable dos recursos. “A súa implantación beneficiará ao bo estudante, pois dará unha visión global do traballo do alumno, que adquire maior protagonismo e responsabilidade sobre a súa propia traxectoria académica”, destacou Ignacio Barcia.

Unha universidade sen débedas e outros temas

Durante a sesión celebrada en Ourense, deuse conta aos membros do pleno da liquidación do orzamento da Universidade de Vigo correspondente ao ano 2012, auditado a instancias do Consello Social. Neste senso, Ernesto Pedrosa quixo felicitar ao reitor e ao equipo de goberno por conseguir “unha universidade non endebedada, que conclúe con superávit o exercicio orzamentario e que ten un gran presente e futuro”. “Foron tres anos de duro traballo, de xestión de gastos e consecución de recursos, nos que pasamos de ter déficit a ter superávit, e iso a pesar da que está caendo en recortes”, destacou Salustiano Mato.

O pleno do Consello Social tamén se pronunciouse a favor da proposta de extinguir o grao en Consultaría e Xestión da Información, pertencente ao campus de Ourense, e foi informado sobre a nova proposta do programa para simultanear os estudos de grao en Administración e Dirección de Empresas e de Enxeñaría Informática. “Esta formación combinada ofrecerá 20 prazas para o curso 2013/2014 e responde a unha demanda concreta e valorada do mercado de traballo. Os estudantes que superen o programa nos doce cuadrimestres previstos obterán os dous títulos oficiais”, explicou Ernesto Pedrosa. “É un título único na Universidade de Vigo e en Galicia, que se adianta aos tempos e que dará unha vantaxe competitiva única a quen o realice”, engadiu Salustiano Mato.

Por último, o reitor da Universidade de Vigo tamén explicou que, rematado o traballo da Comisión Científica do Campus da Auga, o seu plan estratéxico será presentado proximamente a Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para a súa validación e proceder de seguido á súa presentación pública. Salustiano Mato tamén indicou que paralelamente xa se traballa en catro actuación concretas no marco deste proxecto e que se refiren á creación dun doutoramento internacional relacionado con esta temática, á realización dun plan de emprendemento e empregabilidade e outro de internacionalización e a posta en marcha dos clústers de I+D que desenvolverán a actividade do Campus da Auga.