DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello da Xunta aproba o convenio co Ministerio para o financiamento do Campus do Mar

Forma parte dos pasos a seguir tras a cualificación de Campus de Excelencia Internacional Rexional

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/12/2010
O día 21 de outubro a Universidade recibiu a boa nova de que a o Campus do Mar fora elixido Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional, CEIR, acadando a máxima cualificación do comité de expertos e tamén a máxima dotación económica: 5,3 millóns de euros. Esta boa nova foi o primeiro paso de toda unha serie de xestións administrativas, entre elas a futura sinatura dun convenio de colaboración entre o executivo galego e o Ministerio de Educación, un trámite ao que este venres deu o seu visto e bo o Consello da Xunta, que nesta ocasión se celebrou en Vigo.

“É algo que forma parte do conxunto de pasos a seguir”, subliñou Emilio Fernández, comisionado do Campus do Mar, que adiantou que tamén terá que asinarse un convenio entre o executivo galego e a propia Universidade.

En declaracións aos medios o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que o acordo reflicte o compromiso do goberno galego co Campus do Mar lembrando que esta iniciativa contará co espazo que necesite nas instalación da antiga Escuela de Transmisións e Electrónica da Armada, ETEA.

Esta axuda, que a Consellería de Educación se compromete a reembolsar nun prazo máximo de 15 anos, será compatible con subvencións, axudas, ingresos ou outros recursos cos que poida ser financiado o Campus do Mar, sempre e cando a suma das cantidades obtidas non supere o custo total da actividade que se incentiva.