DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro pasará a denominarse Facultade de Comunicación

O Consello da Xunta ratifica o cambio de nome de Ciencias Sociais e da Comunicación

A modificación deberá ser publicada no DOG e incluída no Registro de Centros y Titulaciones

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 29/12/2022

O Consello da Xunta aprobou este xoves o cambio de denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que pasará a denominarse Facultade de Comunicación. Despois de que a solicitude impulsada polo centro obtivese hai unhas semanas o informe favorable do Consello Galego de Universidades, o cambio de nome foi ratificado nesta xornada polo goberno galego, debendo agora ser publicado no DOG e remitido ao Registro Universitario de Centros y Titulaciones (RCUT).

Estes trámites completarán o proceso iniciado o pasado mes de marzo polo centro, a raíz da creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, á que se adscriben dúas titulacións que previamente formaban parte da oferta académica Ciencias Sociais e da Comunicación, o que fixo que esta pasase a ser “unha facultade puramente de comunicación”, como salientou a súa decana Emma Torres.

“Parécenos que simplificar a súa denominación pode ser unha boa fórmula para manter un bo posicionamento como centro de referencia”, sinala Torres respecto da nova denominación dun centro que iniciou a súa traxectoria en 1993 baixo o nome de Facultade de Ciencias Sociais. Con preto de 700 alumnos e alumnas a oferta académica da Facultade de Comunicación está conformada polos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, os mestrados en Dirección de Arte en Publicidade e en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais e o doutoramento en Comunicación, que se imparte xunto coa Facultade de Filoloxía e Tradución. 

Un nome resultado dunha análise interna e externa 

O cambio da actual denominación, adoptada en 2001 coincidindo coa implantación dos estudos de Comunicación Audiovisual, arrancou o pasado mes de marzo coa aprobación por parte da Xunta de Facultade dunha proposta resultado “dunha análise interna e externa”. Esta implicou, por unha banda, revisar as denominacións existentes nos centros de 67 universidades españolas que imparten estudos de comunicación, o que puxo de relevo que “non son comúns as denominacións específicas de comunicación, o que supón unha oportunidade de diferenciación e posicionamento”, segundo recollía a memoria da solicitude. Por outra banda, o centro levou tamén a cabo unha “pequena enquisa” a persoal e alumnado do centro, que foi respondida por 109 persoas, das que o 43% decantáronse por Facultade de Comunicación como nova denominación.

Tras obter o visto e prace do Claustro, o Consello de Goberno e o Consello Social da UVigo, a institución académica presentaba en novembro á Xunta esta solicitude de cambio de denominación, da que neste mes de dceembro o Consello Galego de Universidades emitía informe favorable e que se ve agora ratificada agora polo Goberno galego.

Nese senso, a Xunta lembraba este xoves que esta decisión derívase da creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, coa que comparte edificio e á que pasaron a adscribirse o Grao en Dirección e Xestión Pública e Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, previamente dependentes deste centro. Isto derivou, como sinala a Xunta, na “maior especificidade na oferta de titulacións relacionadas co ámbito da comunicación que, unida a unha nova denominación do centro, pode ser beneficiosa en termos de posicionamento e competitividade”.