DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consellos e boas prácticas para quen teña un parque eólico no seu anaco de monte

Xavier Simón, profesor de Económicas e Empresariais, presentou o libro ‘Guía para os propietarios de

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 20/12/2010
Acabar co desequilibrio nas negociacións do aluguer entre os grandes promotores e os propietarios dos montes é o motivo polo que xurde este libro. O profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, Xavier Simón, presentou hoxe Guía para os propietarios de terreos eólicos, unha ferramenta coa que se pretende achegar aos cidadáns “consellos e boas prácticas” para competir en igualdade de condicións e rematar cos alugueres nos que non se actualiza nin sequera o IPC. “É mellor un mal acordo que unha boa expropiación”, recordou Simón, que denunciou a necesidade de que os terreos nos que se vaian instalar parques eólicos deixen de considerarse como chan rústico e conten con algún tipo de plusvalía.

Escrito xunto co profesor Damián Copena e coa colaboración da Fundación Juana de Vega, o libro recolle un aspecto fundamental á hora da negociación: o porcentaxe de facturación que cada propietario ingresa. Co novo reparto eólico en Galicia, nos que estarán en xogo máis de 2300 megavatios, o medio rural podería recibir máis de 13 millóns de euros anuais se en vez do 1,5 se dera o 6%, como ocorre en lugares como Canarias “e sen pór en perigo o negocio eólico”. “É algo polo que debemos pelexar. Non é poñerlle paus á roda do sector eólico, senón buscar un reequilibrio na que o medio rural podería verse moi beneficiado”, recalcou.

Máis de 650 millóns ao ano

Un reparto considerado por estes expertos como unha inxustiza apoiada en datos contundentes: aínda que no 2006 os 130 parques eólico de Galicia facturaron 650 millóns de euros, soamente o 1,2% das rendas tiveron como destino o mundo rural. “Os promotores poden pagar ata tres ou catro veces máis por colocar os seus xeradores nos terreos de persoas que non teñen nin forza nin medios suficientes para plantarlle cara ás empresas”, asegurou. A guía convértese nun libro de cabeceira coa que poder botar unha man a propietarios que se teñen o vento enriba é como se tiveran petróleo debaixo.