DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca Universitaria organiza a actividade que será impartida a través de Faitic

Consolídase o curso ‘Máis alá de google’ co lanzamento dunha décimo quinta edición

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 5 de febreiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Leticia Castro DUVI 17/01/2017

Á hora de enfrontarse a un traballo académico é necesario ter claro onde e como buscar información, máis cando vivimos nun momento con sobreabundancia de material informativo. Por este motivo, dende a Biblioteca Universitaria levan organizando dende o 2012 o curso virtual Máis alá de google. Como buscar e xestionar información para un traballo académico, que acada xa a súa décimo quinta edición. Como ven sendo habitual, o persoal da biblioteca será o encargado de realizar as tarefas de docencia a través da plataforma Faitic. A actividade, que xa se realizou no primeiro cuadrimestre, desenvolverase entre o 13 de febreiro e o 17 de marzo.

O curso, ofertado de xeito gratuíto e aberto a todo o alumnado matriculado en estudos oficiais da Universidade, ten unha duración de 30 horas, tempo no que o alumnado acadará aquelas competencias básicas para o acceso e uso da información, como poden ser a autonomía na busca do material informativo, o coñecemento dun maior número de recursos, ou o desenvolvemento da capacidade de crítica e análise fronte á gran cantidade de información existente hoxe en día. Por outra parte, tamén se considera fundamental ensinar a os e as estudantes a facer un uso ético e legal da información, co obxectivo de evitar plaxios nos traballos académicos que se vaian a desenvolver.

Ferramentas que faciliten o traballo

A meirande parte dos traballos universitarios que se levan a cabo nos últimos cursos de graos e mestrados requiren dunha grande recompilación de información, polo que se precisan ferramentas que faciliten a busca e organización de materiais co obxectivo de optimizar recursos. É por esta razón que o temario de Máis alá de google incide en todos aqueles aspectos que poidan facilitar e guiar ao alumnado neste labor.

Os recursos de información na Biblioteca centran boa parte do programa: o catálogo, as bases de datos, o servizo de alertas Dialnet e as revistas e libros electrónicos son medios básicos para atopar aqueles documentos que se procuran. Ademais, identificar os diferentes tipos de xestores bibliográficos axudará, sobre todo, a reducir o tempo na busca. A busca en internet ocupa o resto do programa, xa que nestes intres buscar recursos na rede é fundamental para acceder á maioría da información. A este respecto, o curso pretende facer máis fincapé nos buscadores científicos e nos accesos abertos á información científica.

A avaliación realizarase por medio de dous tipos de exercicios: obrigatorios e voluntarios, e para acadar a cualificación de apto será necesario obter un mínimo de cinco puntos sobre dez, e realizar todas as actividades obrigatorias.

Inscricións e outras actividades previstas

Para acceder ao curso será necesario realizar unha inscrición a través da plataforma virtual Bubela do 23 de xaneiro ao 5 de febreiro. As persoas que desexen máis información sobre esta actividade poden dirixirse á páxina web da biblioteca, ou escribir un correo ao seguinte enderezo electrónico: referencia@uvigo.es O alumnado que o precise poderá validalo por un crédito ETCS.

Outra das actividades previstas dende a Biblioteca Universitaria é a colaboración nun obradoiro presencial sobre como publicar traballos de investigación, actividade que terá lugar na Escola de Enxeñería Industrial, organizadora do seminario, o vindeiro mes de febreiro.