DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O persoal funcionario de administración e servizos está chamado ás urnas o vindeiro 21 de abril

A constitución de mesas o 4 de marzo marcará o inicio do proceso de eleccións sindicais

Elixiranse 13 representantes do PAS

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/02/2010
A constitución de mesas o vindeiro 4 de marzo marcará o inicio do proceso electoral que vivirá esta primavera o persoal funcionario de administración e servizos da Universidade de Vigo para elixir aos seus representantes sindicais. O proceso, que culminará o vindeiro 21 de abril coa xornada de votacións e publicación de resultados, determinará a composición da Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos que na actualidade está integrada por 11 membros que se incrementarán en dous máis, ata chegar aos 13.
A actual composición da Xunta de Persoal, presidida polo nacionalista Xoan Cebro, é o resultado das eleccións celebradas en febreiro do 2006, cando a CIG acadou un total de 117 votos fronte a 40 de CCOO e 35 de UGT. Un resultado que se traduciu en sete representantes para a CIG, dous de CCOO e outros dous de UGT.

O proceso, data a data

O proceso electoral comezará o 4 de marzo coa constitución das mesas e a entrega do censo que quedará exposto desde o día seguinte ata o 11 de marzo. As reclamacións ao censo, que estará integrado por unhas 360 persoas, poderán realizarse entre o 5 e o 12 de marzo. No período que vai do día 12 ata o 16 terá lugar a resolución das reclamacións e coñecerase o censo definitivo.
A presentación de candidaturas producirase entre o 22 e o 31 de marzo e unha vez realizada a proclamación provisional e as reclamacións, as listas definitivas publicaranse o 8 de abril. Ao día seguinte e durante dez, entre o 9 e o 19 de abril, desenvolverase a campaña electoral na que os candidatos darán a coñecer os seus programas nos tres campus.Tras a xornada de reflexión do día 20, o 21 celebrarase a votación nos tres campus entre as 8.30 e as 15.00 horas, un proceso para o que se empregarán dúas urnas: unha que permanecerá durante toda a votación no campus de Ourense e outra que despois de recoller os votos no campus de Pontevedra, instalarase a continuación nun dos centros do campus de Vigo en Torrecedeira, para logo ser instalada no campus de Lagoas Marcosende. Unha vez finalizada a votación comezará o escrutinio e a continuación producirase a publicación de resultados. O proceso finalizará o día 23 coa remisión das actas.