DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor Iván Area será o representante das universidades galegas na Comisión Permanente

A constitución do Observatorio Galego da Infancia daralle voz a nenos e adolescentes

Este órgano actuará como unha ferramenta de permanente contacto coa realidade social

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 12/12/2008

O Observatorio Galego da Infancia, constituído este venres en Santiago, servirá para darlle voz a nenos e adolescentes a afondará na construción dunha nova cultura da infancia. Creado como un órgano colexiado de participación, investigación, asesoramento, análise, estudo e proposta en políticas de atención á infancia, o observatorio terá representación tanto da administración autonómica, como da local, de asociacións e ONGs e do eido da educación. Neste sentido, a Universidade de Vigo contará co vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, como representante das universidades galegas na Comisión Permanente.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, na xuntanza na que se constituíu o Observatorio Galego da Infancia que el mesmo presidirá, salientou a importancia deste tipo de ferramentas para integrar todas as políticas neste eido, co fin avanzar e favorecer o desenvolvemento das condicións reais de igualdade e benestar de todos os cativos e adolescentes do país. Segundo Area “esta iniciativa é un paso adiante moi importante, un instrumento que axudará a que todos tiremos do mesmo carro, en definitiva, unha aposta valente”. Neste sentido salientou tamén a importancia desta nova ferramenta para o traballo da Cátedra da Infancia creada no seo da Universidade de Vigo. “O observatorio vai permitir que o noso traballo sexa máis visible e fará factible a colaboración con outras institucións e asociacións que traballan neste campo”, puntualizou.

O Plan Estratéxico Galego da Infancia e a Adolescencia

Este novo órgano ponse en funcionamento ao abeiro do Plan Estratéxico Galego da Infancia e a Adolescencia, PEGIA 2007-2010, “co que Galicia xa está a dar importantes pasos nesta nova cultura da infancia” partindo da concepción de nenos e nenas como suxeitos de dereito, “apostando por investir na infancia de maneira integral e incorporando así esta perspectiva en todas as accións do Goberno”, explicou o vicepresidente. Neste sentido Quintana afirmou que, co observatorio, cúmprese un dos obxectivos nucleares do PEGIA co que “dar voz aos que non teñen e construír unha mirada de país cos ollos de todos”. No acto de constitución, tamén se fixo público o nome do responsable do Observatorio Galego da Infancia que será Juan José López Peña, un profesional cunha dilatada traxectoria en temas relacionados do traballo social.
Xunto co vicepresidente da Xunta, a xuntanza contou coa presenza da secretaria xeral de Benestar, María Xesús Lago; o director xeral de Xuventude, Rubén Cela; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area e o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela.

Retos e funcións do observatorio

Entre os retos fundamentais aos que vai atender o Observatorio Galego da Infancia está detectar e atender ás necesidades de todos aqueles membros deste colectivo que se atopen en situación de vulnerabilidade. Por outra banda, debe traballar tamén na sensibilización social cos problemas dos nenos, constituíndose como unha ferramenta en permanente contacto coa realidade social, “un auténtico barómetro de todo o que acontece en materia de infancia e adolescencia”, explicou o vicepresidente.
As funcións deste novo órgano comprenden o seguimento e avaliación das políticas sociais que afectan á infancia en Galicia; a caracterización dos problemas da infancia en Galicia e a procura das posibles solucións e a promoción das actuacións necesarias para sensibilizar a toda a cidadanía no coñecemento e respecto dos dereitos da infancia en Galicia e no mundo. O observatorio participará tamén no deseño, execución e avaliación dos plans e proxectos de infancia, asesorará a organismos e institucións públicas e privadas en materia de dereitos da infancia e realizará estudos e informes técnicos de diagnose da situación da infancia en Galicia e no mundo.

Composición e funcionamento

No Observatorio Galego da Infancia están representados tanto a Xunta de Galicia, como a Delegación do Goberno en Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias, os colexios e asociacións profesionais, as ONGs, as universidades, as asociacións de pais e nais do alumnado, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Sociedade de Pediatría de Galicia e a Confederación de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro. No que se refire á Universidade de Vigo, contará con tres representantes neste órgano xa que, xunto co vicerreitor en representación da Cátedra da Infancia, haberá un membro da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e outro da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra.
No que se refire ao seu funcionamento, o observatorio contará cun Pleno, unha Comisión Permanente e varios grupos de traballo que analizarán aspectos concretos relacionados coa infancia. Para o ano 2009 xa existe unha proposta de traballo “bastante desenvolvida que representa un punto de arranque moi potente”, segundo explicou o vicerreitor Iván Area. Neste sentido, márcanse sete liñas de traballo nas que se inclúen temas como a participación, os estudos de investigación, a comunicación e sensibilización, a formación, as relacións corporativas, o asesoramento normativo e a xestión da información, as publicacións e as tecnoloxías da información e comunicación.