DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bota a andar o I Curso de Especialista en Publicidade, Mercadeo e Consumo

O consumidor xa non se sentirá tan indefenso ante a publicidade

A inauguración estivo presidida por María Jesús Muñoz, xerente do IGC

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 26/05/2011

Son épocas de exames e de parón lectivo, pero as aulas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollen desde este xoves o I Curso de Especialista en Publicidade, Mercadeo e Consumo, un título propio da Universidade de Vigo en colaboración co Instituto Galego de Consumo, IGC, unha posta ao día de todo o relacionado coa patoloxía social do consumo e cos mecanismos de protección fronte as prácticas ilícitas en materia publicitaria. O acto de inauguración estivo presidido por María Jesús Múñoz, xerente do IGC, en presenza do decano da facultade, Daniel Martí e do director do curso, Fernando Ramos.

A xerente do IGC recoñeceu “que a publicidade é un problema importante para os consumidores”, pero cada vez existen máis normativas “que os protexen ferventemente”. Nunha breve exposición sobre a institución salientou que moitas das súas accións están encamiñadas a investigar campañas publicitarias “que son enganosas ou que rozan a legalidade”, destacando que o maior volume de denuncias proceden dos anuncios de compañías de telecomunicacións.

Os 80 matriculados completarán a súa formación previa, “cunha especialización nun campo emerxente como é o da defensa dos intereses do consumidor”, apuntou o profesor Fernando Ramos. O curso, cun valor de 20 créditos, impartirase ata o vindeiro 2 de decembro, con clase todos os xoves e venres de 16.30 horas a 19.30 horas.