DUVI

Diario da Universidade de Vigo

60 profesionais rematan o Curso en Publicidade, Marketing e Consumo, dirixido por Fernando Ramos

O consumidor xa pode durmir un pouco máis tranquilo

María Jesús Muñoz, xerente do IGC, sinalou a necesidade de elevar a protección do comprador

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 05/12/2011

Na sociedade actual, o consumidor acostuma sentirse indefenso e só ante as inxustizas do mercado. Sen embargo, a partir de agora estará máis protexido ao contar con 60 novos especialistas na defensa dos seus intereses e dereitos, profesionais que remataron este luns o I Curso de Especialista en Publicidade, Marketing e Consumo, un título propio da Universidade de Vigo financiado polo Instituto Galego de Consumo, IGC, e dirixido polo profesor Fernando Ramos. O acto de clausura contou coa presenza da xerente do IGC, María Jesús Muñoz, que sinalou a necesidade de impartir este tipo de formación para brindar “unha protección especial” ao comprador, “xa que é a parte máis vulnerable e débil do mercado”.

A xerente do IGC afondou na importancia social das colaboracións entre a Universidade e Xunta de Galicia, “converxendo en cuestións que afectan de maneira directa ás dúas institucións, como é a procura do benestar da cidadanía”. Muñoz aproveitou a ocasión para informar aos asistentes do estado de tramitación da nova Lei de Consumidores, “que nestes momentos está a debate no parlamento” e que achegará unha maior protección ao consumidor, “xa que as reclamacións se resolverán dunha forma máis rápida e eficaz”, engadiu Muñoz.

Formación especializada e gratuíta

O profesor Fernando Ramos quixo lembrar aos novos titulados e tituladas o privilexio de ter asistido a un curso de especialista “nun tema emerxente” e de forma totalmente gratuíta. “Tendes o deber moral de aproveitar as ensinanzas acadadas en este medio ano, pois non debedes esquecer que este curso foi posible grazas ao diñeiro público procedente do peto de todos os contribuíntes”, puntualizou Ramos. Pola súa banda, Juan Corbacho, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, centro no que se impartiu o curso, aludiu ao interese e vontade dos asistentes por continuar aprendendo, xa que na súa maioría eran profesionais do mundo da comunicación con varios anos de experiencia no sector. “É toda unha satisfacción volver a ver caras coñecidas de persoas que estudaron na facultade hai 10 anos e que retornan para formarse en temas máis específicos”, destacou o decano.

Ao final do acto, as autoridades fixeron entrega dos diplomas cunha distinción especial ao alumno máis veterano, Carlos Aramburu, “que nunca faltou a ningunha das clases”, apuntou Ramos. Grazas ao curso, de 200 horas de duración e tras a entrega dunha memoria final, o alumnado acadará un título propio da Universidade de Vigo, que os habilita para traballar en todas as seccións que teñan que ver cos organismos de garantía dos consumidores, con coñecementos profundos dos mecanismos de defensa dos seus intereses e dos sistemas de autorregulación españois.