DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves pola tarde no salón de actos de Ciencias Económicas e Empresariais

Conta atrás para a gala benéfica Axuda a Senén

Aínda quedan entradas dispoñibles a un prezo de 10 euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 30/01/2013
Tras semanas de intensos preparativos todo está listo xa para a gala benéfica Axuda a Senén a operarse para poder camiñar. Mañá xoves será o gran día. A gala iniciarase ás 17.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias e alí se reunirán, ademais de todos os artistas convidados, unha boa mostra da comunidade universitaria, sobre todo, da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde estuda Senén Álvarez, un mozo universitario vigués de 22 anos que, afectado dende cativo por unha parálise cerebral, precisa dunha operación para poder camiñar.

Para facilitar a asistencia tanto á comunidade universitaria como á poboación viguesa en xeral, a gala contará con servizo de autobús gratuíto que sairá da Praza de España ás 16.00 horas e fará o percorrido de volta a iso das 20.30 horas. “Puxemos todos da nosa parte para facilitar que veña o maior número de persoas”, subliñaba Paloma Cabal, unha das principais impulsoras da Plataforma de Axuda a Senén, que explica que “aínda quedan entradas, polo que animamos a todos a facerse cunha”. Os interesados teñen de marxe ata mañá ás 12.00 horas para conseguir unha destas entradas nalgún dos seguintes lugares: cafetaría da Facultade de Filoloxía e Tradución, Mister Guau Peluquería Canina (r/ Barcelona, 50); Panadería Pastalería Barcelona (Barcelona 44); Floristería Liken (enfronte Hospital Xeral), Floristería Montse (Travesía de Vigo, 50) Mesías e Nutri-Power (Centro Comercial Plaza Elíptica).

Moitos artistas e máis sorpresas

Cun prezo de 10 euros os asistentes poderán gozar dun espectáculo que contará coa participación do profesor e escritor Anxo Angueira e artistas como o actor Ruben Riós, o cantautor e guitarrista Eladio Santos, a banda galega Maryland, o mago Marco, os concursantes de La Voz Hugo y Yhadira, a viguesa Woyza, ideal para os amantes da música soul; a arpista e cantante Marta Quintana, a actriz Estivaliz Veiga o escultor Marcos Escudero, a agrupación Zurrumalla, a Coral Ondas da Ría... “e máis sorpresas”, subliñan dende a plataforma, sen querer máis detalles pero asegurando que “sorpresas vai haber máis dunha”, apuntan ao tempo que anuncian que grazas a colaboración de varios dos patrocinadores realizaranse tamén varios sorteos. “Bicicletas, cámaras dixitais, discos dalgúns dos artistas que participan na gala, un curso no Centro de Linguas e mesmo un escalextric “, anuncia Cabal.

Fila 0

Para aqueles que non poidan asistir ao concerto pero lles apeteza colaborar coa causa dende a plataforma lembran tamén a existencia dunha Fila 0 co número de conta 0049 6141 96 2790175955 (Banco Santander). “Toda axuda é ben recibida”, subliñan dende a plataforma, que valoran moi positivamente todos os ingresos que xa se recibiron desde que se puxo en marcha a iniciativa.