DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 13 de xullo terá lugar unha entrega de premios e un acto lúdico

Conta atrás para o primeiro encontro Alumni-UVigo

O prazo para as votacións dos galardóns pecharase o luns 11 de xullo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 08/07/2022

Transcorrido un ano e medio desde a creación da Comunidade Alumni-UVigo, o vindeiro mércores 13 de xullo celebrarase no campus de Vigo o primeiro acto público no que as e os egresados da Universidade de Vigo poderán reencontrarse, primeiro na praza Erasmo na entrega dos premios que recoñecen o labor persoal e profesional do antigo alumnado e, posteriormente na praza Miralles, nun acto lúdico. “O obxectivo dos premios é promover a excelencia e recoñecer o labor persoal e profesional dos membros da comunidade Alumni de Vigo, que destacan por unha traxectoria que achegue valor, ademais de incentivar a relación da institución co antigo alumnado e reforzar o sentimento de pertenza”, detalla a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, que tamén apunta como terceiro obxectivo dos galardóns, “que sirvan de inspiración e modelo para os actuais e futuros estudantes”. 

Ás 19.00 horas comezará o acto de entrega dos galardóns nas cinco categorías establecidas: Traxectoria profesional; Emprendemento; Investigación; Impacto Social e Humanidades, aos que se sumarán os recoñecementos aos exreitores da institución académica viguesa como Alumni-Uvigo Distinguidos e a José María Franco García, presidente da Asociación Amigos e Antigos Alumnos da UVigo. Rematada a entrega de premios comezará un evento lúdico co que “se pretende crear un espazo de reencontro entre os alumni cos seus antigos compañeiros de docentes, que lles permita ampliar e reforzar a súa rede de contactos persoais e profesionais”, explica Natalia Caparrini.

Elección das e dos premiados ata o luns 11

As e os integrantes da Comunidade Alumni-UVigo serán os encargados cos seus votos de elixir ás persoas gañadoras dos premios que se outorgarán no encontro da vindeira semana. Ata o luns 11 poderán votar por unha das tres persoas finalistas de cada unha das categorías, “ás que se presentaron 80 antigos e antigas alumnas e entre os que o xurado seleccionou tres finalistas en cada unha delas”, explica a vicerreitora, que anima á Comunidade Alumni a participar nas votacións.

En canto aos recoñecementos Alumni-UVigo distinguido e honorífico, Natalia Caparrini lembra que están contemplados na normativa, “e consisten en que a Universidade recoñece como Alumni distinguido a persoas en atención a súa especial implicación coa institución e no caso do Alumni honorífico a persoas cuxa relevancia ou méritos contribuíse ao desenvolvemento da UVigo”. Os exreitores Luis Espada Recarey, José Antonio Rodríguez Vázquez, Domingo Docampo Amoedo, Alberto Gago Rodríguez e Salustiano Mato de la Iglesia serán recoñecidos como Alumni-UVigo distinguido, mentres que José María Franco, presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumni da UVigo será nomeado  Alumni-UVigo honorífico “porque realmente esa asociación é o xermolo do que hoxe é esta comunidade”, explica Natalia Caparrini.