DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor avanzou que “antes de dous anos é imposible que teñamos titulacións nese edificio”

Conta atrás para o remate das negociacións para que a UVigo adquira os inmobles de Zona Franca en López Mora 

Pola súa banda, Ideas que Suma pregunta “a quen beneficia o ‘desmantelamento’ da UVigo”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/03/2021

O reitor da UVigo confirmou este mediodía, nunha comparecencia aos medios ante os edificios que Zona Franca adquiriu hai uns meses a  Abanca no número 6 da rúa López Mora de Vigo, que “estamos rematando as negociacións para ver de que xeito facemos esta adquisición, pero para nós é importantísimo ter estes edificios, que ademais están a un tiro de pedra do noso campus histórico, onde esta a Escola de Enxeñaría Industrial e a futura Facultade de Comercio”. Acompañado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e polo delegado de Zona Franca, David Regades, Reigosa, que confirmou que polo de agora non está decido que titulacións ou servizos se localizarían nestes inmobles, si sinalou que considera que “moitas titulacións poderían sacar vantaxe de estar ubicadas aquí nesta contorna preto do ideal”. Asi mesmo, sinalou que hai cuestións que son máis xerais como unha ampliación da biblioteca que está na Escola de Enxeñaría Industrial de Torrecedeira “que podería moverse aquí deixando espazo ás titulacións que poidan baixar desde o campus de Lagoas Marcosende ata o campus cidade, ou podemos pensar tamén en titulacións de máster, sobre todo as dirixidas a xente que está traballando e ten horarios incompatibles con subir e baixar ao campus e podería haber titulacións enteiras ou incluso algunha facultade enteira que baixara”, detallou o reitor.

Sobre os prazos deste proceso, Reigosa avanzou que primeiro cómpre proceder á compra, para logo proceder a uha certa reforma do edificio, “aínda que está moi ben, pero contamos que antes de dous anos é imposible que teñamos titulacións neste edificio”, aínda que se intentará acurtar os prazos o máximo posible, dixo. Logo de pecharse a compra a Zona Franca, será o momento, segundo o reitor, no que cómpre decidir que se vai ubicar no espazo, polo que a reforma terá que agardar a que previamente se definan os usos. “Espero que en catro cinco meses a Universidade teña feita esta reflexión a través dos centros e teñamos xa claro cales van ser as titulacións que se implanten e que neses dous anos teñamos isto xa funcionando”, explicou Reigosa, que non se quixo pronunciar sobre o custo da operación, que no caso da compra realizada por Zona Franca a Abanca ascendera a 12.3 millóns de euros.

Respecto á resposta da comunidade universitaria sobre “un obxectivo irrenunciable”

O reitor amosou este mediodía a súa disposición a ser absolutamente respectuoso cos procesos internos da institución e agardar a ver cal é resposta dos distintos centros, das titulacións e dos colectivos que compoñen a Universidade: PAS, PDI e estudantado, “que vai ter moito que dicir no interese de instalarse en Vigo e non ter que pasar tanto tempo no transporte”. Ao longo das dúas próximas semanas o reitor confirmou que explicará con detalle nos diferentes centros que están no campus de As Lagoas as posibilidades que ofrecen os inmobles de López Mora, para que realicen a súa propia reflexión sobre a importancia ou presa que poidan ter por baixar a Vigo . “Pode ser que haxa algunha titulación que pola relación que ten con algún centro de investigación do campus no queira baixar de aí e outras titulacións que teñan máis interese e daráselle máis prioridade a aquelas que teñan máis presa por baixar, loxicamente”, dixo o reitor. Non obstante, Reigosa apuntou que “por se min fose unhas da primeiras sería o Grao de Filoloxía Aplicada Galego Español”, que substituiría o vindeiro curso ao actual Grao en Estudos de Galego e Español, “como sinal da aposta que fai a UVigo polas humanidades, pero dígoo como unha querencia persoal porque a decisión temos que tomala entre todos”, explicou.

O reitor, que avanzou a celebración dun Claustro a finais deste mes e que probablemente no seguinte Consello de Goberno, se estivese rematada a compra, xa se levaría a aprobación por parte deste órgano de decisión, foi contundente á hora de asegurar que “para nós é un obxectivo irrenunciable que a Universidade teña máis presenza na cidade, presenza institucional, de titulacións, da investigación e do desenvolvemento”. Tras recoñecer que estaban á procura de instalacións onde ubicarse, Reigosa sinalou que cando souberon que Zona Franca adquirira este o inmoble de López Mora, amosaron o seu interese, ante o que só atoparon facilidades por parte do delegado e do alcalde de Vigo. “Neste intre estamos na Universidade nun proceso de reflexión interna sobre cal vai ser o futuro, queremos plantexar cal vai ser o futuro dentro de Vigo” explicou o reitor, que reiterou que, o recentemente aprobado Plan Estratéxico, recolle como un obxectivo irrenunciable traer titulacións ao centro da cidade. 

O reitor tamén se referiu na súa comparecencia á aposta que a institución está a facer polas instalacións da ETEA, “onde tamén hai edificios que pertencen á Xunta ou a Zona Franca e polos que seguimos interesados. Sobre o edificio de O Berbés, Reigosa lembrou que é unha cesión do consorcio Casco Vello, pagado pola Xunta, e que está piques de inaugurarse, para dedicarse a cuestións de atención ao alumnado, realización de roldas de prensa, sinatura de convenios e captación de alumnado. 

Apoio do Concello e Zona Franca 

O alcalde de Vigo destacou este mediodía que a UVigo xa é unha universidade conformada e con experiencia e capacidade en investigación e docencia e tras recoñecer a súa “extraordinaria traxectoria”, Abel Caballero gabou que a institución en poucos anos fose quen de buscarse un espazo na investigación e na docencia .“Agora deben aparecer novos retos e as decisións as ten que tomar a Universidade, pero na cidade tamén opinamos e nós cremos que é bo que se produza cada vez máis achegamento entre o conxunto da cidade e a docencia e a investigación”, dixo o alcalde, que amosou abertamente o  seu apio á decisión da Universidade de seguir a traer máis docencia e investigación a distintas partes da cidade. “Todo aquilo que a institución académica necesite por parte do Concello o vai ter a súa disposición”, dixo Caballero, que cualificou  a relación co equipo de goberno da UVigo de “cómoda, fluída e moi boa”. Así mesmo, Caballero asegurou entender as necesidades de maior espazo físico que pode ter a Universidade “e buscar ubicacións coma esta, seguramente é unha moi boa idea”, dixo.

Pola súa banda, o delegado da Zona Franca lembrou que o Consorcio adquirira hai uns meses a Abanca os edificios para facer inicialmente unha aceleradora de negocios que tiña noutros concellos limítrofes, pero non en Vigo. Non obstante, Regades sinalou que a covid mudou os plans iniciais e o Concello e a UVigo propuxéronlle a Zona Franca un cambio de uso “coa vontade de atraer a universidade ao centro da cidade e facilitar a docencia e o servizo”. O delegado confirmou que a negociación xa está nunha fase moi madura “para que UVigo recupere este espazo da cidade de Vigo”, ao tempo que incidiu no positivo do cambio na finalidade inicial do inmoble, porque “permitirá mellorar a cidade,  a competitividade e o talento dentro da nosa cidade”, dixo.

Os catro edificios de Zona Franca localizados no número 6 de López Mora teñen as seguintes características: Edificio 1: 2.101 metros cadrados de planta. 10.370,55 metros cadrados de superficie total; Edificio 2: 366,52 metros cadrados de planta. 2.782,49 metros cadrados de superficie total; Edificio 3: 749,96 metros cadrados de planta. 4.275,84 metros cadrados de superficie total e Edificio 4: 254,95 metros cadrados de planta. 1.175,65 metros cadrados de superficie total. 

Ideas que Suman pregunta a quen beneficia “a ocorrencia de desmantelar a UVigo” 

Desde as filas de Ideas que Suman, o grupo de oposición ao equipo de goberno pregunta nun comunicado sobre o que consideran “o desmantelamento da Universidade” a quen beneficia esta ocorrencia. Ideas que Suman sinala no seu escrito que “tras décadas de intenso traballo do conxunto dos seus membros para acadar unha Universidade que sentimos con orgullo, o actual equipo reitoral pretende transformala nunha rede de unidades docentes illadas, desconectadas das infraestruturas de investigación, o alicerce fundamental da nosa institución”, unha transformación, que segundo denuncian, abandona a esencia do concepto de universidade pública: a interacción entre os ámbitos do saber. Ambición á que nos negamos a renunciar”, afirman no comunicado. 
 
Para o grupo de oposición, “o desmantelamento” non é unicamente un problema do campus de Vigo, senón que afectaría tamén aos campus de Ourense e Pontevedra, “que verán como a atención e os investimentos se concentrarán no primeiro, coa finalidade de duplicar na cidade o que xa existe, en mellores condicións, no actual campus”. Para o grupo de oposición, se a competitividade da Universidade de Vigo realmente dependera dos accesos aos seus campus, o problema da institución sería moi serio. “As mellores universidades non compiten por edificios ou emprazamentos. Compiten pola calidade docente, pola excelencia investigadora e pola eficacia na súa xestión. Todas elas fan o que levamos moitos anos facendo na Universidade de Vigo, e o que faremos no futuro se somos quen de parar este desatino”, aseguran.