DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Comunicación acolle unha xornada sobre o impacto da desinformación no eido local

O contexto electoral converte España nun “lugar crítico” para a proliferación de noticias falsas

Diferentes investigadores e investigadoras presentan os seus proxectos neste ámbito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/06/2023

A proliferación de noticias falsas e boatos, informacións sen contrastar, tense convertido nos últimos tempos nun problema social que “preocupa e ocupa” aos investigadores e investigadoras, como salientou a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, na inauguración da xornada El impacto de la desinformación en el ámbito local. Promovido pola Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) e polo proxecto Fakelocal, que coordina o grupo CP2 desta facultade, especialistas de diferentes universidades presentan neste foro os seus proxectos e liñas de traballo neste ámbito, pondo o foco no impacto que as campañas de desinformación poden ter no eido local. Ao mesmo tempo, este encontro permitiu afondar nas temáticas e problemáticas que centraron un maior número de boatos e noticias falsas nos últimos tempos, como a pandemia, a guerra en Ucraína ou os procesos electorais. Estes últimos, de feito, fan que España sexa “un lugar crítico nestes momentos no conxunto de Europa” no referido á proliferación de campañas de desinformación, como recoñeceu o investigador da Universidad de Navarra e coordinador do observatorio ibérico de medios dixitais Iberifier, Ramón Salaverría. 

Enmarcado nas actividades do proxecto Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (Fakelocal), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e coordinado polos investigadores Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto, seis conferencias e mesas de debate integran o programa desta xornada, promovida tamén polo Grupo de Traballo en Comunicación Política da AE-IC, que coordinan o propio Rúas e a profesora da Universitat Jaume I Laura Alonso. Nese senso, a contribución de xornadas como esta á visualización do traballo investigador que se desenvolve na facultade e á transferencia do coñecemento á sociedade foron dúas cuestións destacadas tanto pola decana como pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, no acto inaugural. “É moi importante dar a coñecer o que se está facendo”, sinalou a vicerreitora, que aproveitou a apertura para sumar unha pregunta ao debate, a de se a prensa local, polo seu carácter de proximidade, xera unha maior “fiabilidade e confianza” na cidadanía. Non en van, o ata agora escasamente analizado impacto das noticias falsas na esfera política autonómica e local é o eixe do proxecto Fakelocal que, como engadiu Torres, contribúe tamén a “dar impulso” na facultade a un labor investigador “que nos vincula directamente coa finalidade do Campus Crea”. 

Do marco europeo á realidade local 

Antes de deterse na esfera local, a conferencia inaugural de Salaverría centrouse na estratexia contra a desinformación da Comisión Europea, na que se enmarca a posta en marcha dunha rede de 14 observatorios, entre os que se atopa Iberifier. “Estes observatorios o que están facendo é un traballo de monitorización das campañas de desinformación, coa axuda de fact-checkers, e unha análise sobre o fenómeno”, dirixida a “entender ben cales son as características, as tipoloxías, as tendencias e as canles” desta problemática, “para establecer os marcos regulatorios” cos que facerlle fronte, explicou.

Nese senso, ademais de para coñecer as liñas de actuación da Comisión Europea, o seu relatorio permitiu tamén pór o foco nas temáticas que nos últimos tempos “están xerando maior dimensión de contidos de desinformación”. Ese seguimento que realizan os observatorios permitiu constatar como durante a pandemia proliferaron boatos e informacións falsas “sobre a suposta creación e diseminación deliberada do virus ou teorías antivacinas”, mentres que, a comezos de 2022, a invasión de Ucraína viuse sucedida “por toda a desinformación vinculada á guerra e, moi particularmente, ás narrativas que viñan de Rusia, para tratar de romper a unidade da UE”. Alén dun “terceiro grande asunto, máis latente” e vinculado ao “negacionismo do cambio global, tras o que hai tamén unha serie de intereses internacionais”, outro dos “grandes focos da desinformación en Europa” foi nos últimos meses o relacionado cos procesos electorais, explicou, especialmente en casos como o de España, onde os recentes comicios municipais e autonómicos veranse sucedidos polas eleccións xerais de xullo. Nese senso, Salaverría recoñeceu que se ben isto dáse en menor medida nas eleccións locais, un dos eixe do actual traballo de análise dos observatorios é o da “inxerencia estranxeira” neste tipo de procesos. 

Tras este relatorio, a xornada continuou cunha conferencia da investigadora da Universidad de Valladolid Rosa Campos, centrada na desinformación parlamentaria e o seu impacto na axenda local, para logo afondar, da man de Sara Pérez Seijo, no proxecto Medios audiovisuales públicos ante el ecosistema de las plataformas: modelos de gestión y evaluación del valor público, Valcomm, que coordina a Universidade de Santiago de Compostela e que colabora tamén na organización desta xornada.

Novas formas e audiencias

Pola tarde, a actividade continúa cunha mesa sobre novas formas e audiencias da desinformación, na que interveñen Javier Marzal (Universitat Jaume I), Alba Silva (USC), Natalia Quintas (Universidade da Coruña) e Mabel Míguez (UVigo), seguida da presentación dos avances do proxecto DEBATrue, que coordina tamén o grupo CP2. Centrado na creación dunha plataforma web de verificación de información orientada ao debate político, Rúas e o tamén investigador da UVigo Andrés Mazaira presentan algúns dos traballos levados a cabo no marco deste proxecto, como a posta en marcha dunha caixa de ferramentas para a busca e verificación de información. Por último, a xornada péchase cun relatorio de Andreu Casero, tamén da Jaume I, sobre os traballos de investigación, transferencia e innovación sobre desinformación que se levan a cabo en España.