DUVI

Diario da Universidade de Vigo

200 investigadores de Portugal, Brasil, Mozambique e Cabo Verde participan no XI Lusocom

Un “continente inmaterial” fronte á globalización

O congreso trata de potenciar os proxectos de investigación conxuntos no espazo lusófono

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 11/04/2014

“Á globalización que converte ao mundo nunha masa homoxénea, hai que contraporlle outra globalización, un movemento de abaixo a arriba no que a partir das nosas especificidades e diferenzas poidamos facer un camiño común”. Deste xeito presenta as potencialidades do “continente inmaterial” que ao seu xuízo constitúe o espazo lusófono Moises de Lemos Martins, o presidente da Federación das Asociacións Lusófonas de Ciencias da Comunicación, Lusocom, que este venres inaugurou na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o seu décimo primeiro congreso, centrado precisamente en debater como a comunicación pode contribuír ao reforzo dos lazos de unión dunha comunidade que vai máis aló das fronteiras e que habitan máis de 200 millóns de persoas.

Ese o obxectivo central do debate que hoxe venres e mañá sábado reúne en Pontevedra a máis de 200 investigadores de Galicia, Brasil, Portugal, Mozambique e Cabo Verde e que ten como eixo a contraposición dos conceptos de 'marca país' e 'marca territorio', aquel espazo “que non coincide coas fronteiras dun país, senón coas dunha identidade, dunha cultura, que non é xeográfica pero que é real”, como salientou a profesora Emma Torres, directora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, na inauguración destas xornadas. O acto de apertura estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que defendeu ese concepto de 'marca territorio' como “unha aposta clara e decidida na que a Universidade milita activamente”, e que pasa por “traballar desde o local nun escenario global”. Neste contexto, engadiu Mato, “cobra moita máis importancia o que nos une coas xentes do mundo, e a lusofonía únenos de moitas maneiras”. Por iso, o reitor convidou aos asistentes a “traballar xuntos para que outras marcas territorio non nos absorban e nos eliminen deste mapa global”, para o que entende preciso reforzar as relacións coas institucións académicas do ámbito lusófono, “un dos obxectivos prioritarios na internacionalización da nosa Universidade”.

Pasado e futuro común

“A identidade lusófona son moitas identidades que participan nun horizonte maior, nunha comunidade maior”, defendeu Moisés de Lemos Martins, que avoga por fomentar a interrelación entre os diferentes países de fala lusófona para trazar “un camiño común, mantendo as nosas diferenzas, non para facer unha cousa única e homoxénea”. Nese senso, o profesor da Universidade de Minho defendeu a idea dunha “globalización multicultural”, na que, respectando a diversidade, “o espazo lusófono debe confirmar a súa forza” como un punto de “converxencia entre países culturalmente solidarios, que teñen un pasado e unha historia común, coa que podemos construír un futuro”.

Fomento da investigación

Xunto a Mato, Martins e Torres participaron tamén na apertura do foro, Margarita Ledo, presidenta de Agacom, a Asociación Galega de Investigadores en Comunicación, e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social. Ambos fixeron énfase na necesidade de impulsar investigacións conxuntas dentro do espazo lusófono, “comprendendo a comunicación como un elemento decisivo para o futuro dun espazo lingüístico, non como un mero instrumento”, apuntou Ledo. Nesa mesma liña, Pedrosa incidiu tamén no “papel predominante que a comunicación terá no desenvolvemento dun espazo lusófono común”.

Completou a mesa presidencial Antonio Hodlfelt, o presidente da Intercom, a asociación de investigadores das Ciencias da Comunicación do Brasil, que tamén incidiu na necesidade de traballar conxuntamente dentro dun espazo, “que ten canles máis fortes do que nós mesmos percibimos”. Neste senso, incidiu no papel que ten xogado o Lusocom na posta en contacto de persoas “que cando nos coñecemos descubrimos que temos os mesmos problemas, ideas e soños”. Por todo isto, entende como un "gran desafío que deixemos de citar aos americanos, ingleses e franceses para comezar a falar sobre nós mesmos, sobre o que fomos e o que podemos ser”, xa que entre “o local e o global hai espazo intermedio, que é o máis dinámico”.

En termos similares pronunciouse o presidente do Lusocom, que na conferencia inaugural realizou un percorrido polos 17 anos de historia do congreso, que celebrou a súa primeira edición en Lisboa no ano 1997. “Antes non había ningún proxecto de investigación en común, nin sequera nos coñecíamos entre nós”, salientou Martins, que ademais de lembrar as temáticas que centraron as dez anteriores edicións destas xornadas, tamén presentou aos asistentes os traballos de investigación conxuntos que na actualidade desenvolven universidades portuguesas e brasileiras no ámbito da comunicación, en ámbitos como a análise das políticas de radiodifusión públicas de ambos países.

16 grupos temáticos

De xeito simultáneo ás sesións plenarias que se desenvolven ao longo do congreso, o Lusocom acolle tamén as presentacións das comunicacións de investigadores de diferentes países, agrupadas en 16 grupos temáticos que comprenden áreas como o xornalismo, a publicidade, a historia dos medios, a comunicación política ou os estudos culturais. Así mesmo, o programa científico deste foro vese completado por un programa social que inclúe actuacións musicais e de danza na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e unha ruta cultural por Pontevedra.