DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 2, 3 e 6 de febreiro ás 20.15 horas no Liceo

O conto será o protagonista dos relatorios dos XIX Encontros Literarios

Promovidos pola Deputación Provincial, o Liceo de Ourense e a Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 30/01/2009
Grazas ao éxito de convocatoria e a calidade dos relatores, repiten un ano máis os Encontros Literarios que acadan a décimo novena edición. Promovidos pola Deputación Provincial, o Liceo de Ourense e a Universidade de Vigo, a través da Cátedra Carlos Casares, os relatorios terán lugar os días 2, 3 e 6 de febreiro no Liceo.
O tema das conferencias será, nesta ocasión, O conto da literatura. A literatura do conto; “un acotamento sobre o xénero narrativo pero que a súa vez é moi amplo, xa que existen moitos subxéneros”, explicou Marcos Valcárcel, coordinador dos encontros. A clave do éxito do seu programa “é a ambición e esforzo que poñemos en traer escritores galegos e españois de recoñecido prestixio”.
Na presentación dos relatorios Valcárcel estivo acompañado por José Luís Troitiño, xerente do Liceo e José Luís Baltar, presidente da Deputación, que ademais de agradecer o esforzo que tivo que facer a organización, destacou que “se escolleu un tema moi interesante a con xente de gran éxito”. Por outra banda, Baltar agardou que “grazas ao labor dos medios de comunicación se semente a ilusión entre os cidadáns para que acudan aos encontros”.
Susana Reboreda, recentemente nomeada directora da Área de Coordinación e Estudantes, agredeceu “a axuda do Liceo que sempre está disposto a espallar o apoiar a literatura”, que por outra banda “conta cunha gran experiencia e que sempre mantén unha liña de coherencia e continuidade nas súas accións”.

Tres días de encontros

Catro escritores de recoñecido prestixio serán os protagonistas dos tres días de relatorios programados dentro dos XIX Encontros Literarios. O luns día 2 de febreiro será José Mª Merino Sánchez o que inicie as xornadas co relatorio Del cuento popular al cuento literario, no que “reflexionará sobre a importancia que ten o pouso da cultura popular e a tradición oral sobre o conto e a literatura en xeral”, indicou Valcárcel. O ourensán Bieito Iglesias Arauxo, “grandísimo amigo e escritor” será o que encha coas súas verbas a tarde do martes 3 grazas ao relatorio Conto contado, burro aparellado. Xa por último o venres 6 de febreiro serán dous os coprotagonistas do encontro, Manuel Vicent e Ángel Sánchez Harguindey que falarán da Memoria literaria. Todas as conferencias serán ás 20.15 horas na Aula de Cultura do Liceo.
Sen dúbida, estes encontros servirán para pasar un bo rato e ensinarnos, por exemplo, que “nisto dos contos non temos a hexemonía, algúns dos que pensamos que son exclusivos de Galicia tamén se atopan recollidos noutros lugares”, comentou Valcárcel.