DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polo grupo de investigación GIES-10 encabezado por Margarita Pino

A contorna de Tui inspira a investigadores da Universidade para un proxecto de innovación docente

Este método parte dos intereses do alumnado para tratar de combater o fracaso escolar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 31/05/2012

Unha das principais causas do fracaso escolar é a falta de motivación do alumnado. Para pór freo a esta realidade, o grupo de investigación GIES-10 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte está a desenvolver no Concello de Tui un proxecto de innovación educativa adaptado á contorna natural e social do lugar, En(red)ámonos, co obxectivo de aumentar o rendemento académico nas aulas. “Partimos dos recursos do contexto inmediato, que espertan o interese do alumnado, para aumentar así o nivel de motivación e polo tanto a súa implicación nas actividades escolares”, sinala a profesora Margarita Pino, investigadora principal de GIES-10, que conta para este proxecto co apoio do propio concello, da Universidade de Minho e da UNED.

Este grupo de investigación, formado por cinco docentes da facultade pontevedresa, Margarita Pino, Myriam Alvarriñas, Vicente Romo, Águeda Gutiérrez e Jorge Soto, está a deseñar para tres centros escolares do Concello de Tui non só o material didáctico, senón todo un programa docente que presta atención á comunidade de práctica, isto é, “todo o grupo social, profesores, alumnado, pais e nais, asociación veciñais, institucións... compartindo experiencias que dean solución a problemas concretos”, explica Pino, que aclara que o progreso escolar non está restrinxido ao labor que realiza ao profesor, “senón que se debe ter en conta toda a aprendizaxe que o alumno realiza no seu contexto inmediato, na vida diaria”.

Recuperación da memoria histórica da comarca

Os investigadores pontevedreses atópanse inmersos no deseño por proxectos dos contidos curriculares esixidos por lei, en función das necesidades e recursos do contexto natural, cultural, patrimonial e social. Propuxeron tres áreas temáticas para desenvolver o material escolar, “unha, aproveitando que Tui e Valença son Eurocidade; dúas, sobre hábitos saudables e tres, a posta en valor do patrimonio tudense”, describe a investigadora principal. Así, ademais de combater o fracaso escolar, o proxecto tamén inclúe unha recuperación da memoria histórica e cultural da contorna, pondo en valor o patrimonio natural e etnográfico da zona. En vez de estudar con casos estándares, os estudantes da comarca aplicarán os seus coñecementos a problemas adaptados á súa realidade diaria. “Para que comprendan o concepto de escala e proporción traballarase con representacións de monumentos ou espazos naturais da cidade ou farase exercicio físico ao aire libre percorrendo os diferentes roteiros da comarca”, exemplifica Pino.

Por agora son tres os colexios que se uniron a esta iniciativa e que no próximo curso empregarán este material didáctico deseñado polo corpo investigador da Universidade. Os centros decidiron participar dende un principio porque “se lles facilitan materiais e recursos adaptados ao medio que dan resposta a problemáticas concretas”, ademais de recibir asesoramento personalizado e o recoñecemento de colaborar cun plan de Innovación Educativa da Xunta de Galicia.

Asesoramento educativo a través das ondas

Ademais de desenvolver este proxecto docente, o grupo de investigación vén protagonizando un programa semanal na radio local para a divulgación entre as familias de temáticas educativas, deportivas ou de saúde, “achegando consellos a problemas diarios,como axudar nas tarefas escolares, como facilitar a comunicación na familia, como potenciar o exercicio físico...”, enumera Pino, de xeito que, cada semana, un dos investigadores acode ao estudo para asesorar aos proxenitores a través das ondas.

Este venres 1 de xuño, toda a comunidade educativa e social da zona reunirase en asemblea aberta para rematar a avaliación diagnóstica das necesidades e problemáticas do alumnado da contorna para que o grupo GIES-10 progrese co deseño dos recursos didácticos “co obxectivo de polos en práctica no vindeiro curso. “No mes de setembro faremos unha avaliación inicial para comprobar en xuño de 2013 a mellora no rendemento académico en función de variables como o nivel de motivación dos cativos, de participación dos pais ou da implicación da sociedade”, conclúe Pino.