DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Astronomía e tradición popular daranse a man na Noite de Contos e Coplas das Estrelas

Contos, cantos e historias de lúas, planetas e estrelas

Esta iniciativa recuperou lendas e cancións populares relacionadas cos astros

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Din que nos ceos hai moitos misterios e que os nosos soños e as nosas preocupacións están representados entre as estrelas. - Mitoloxía inca. M. Del Río DUVI 20/11/2009

Se o ceo é de todos, a astronomía é a ciencia máis universal e iso vexe reflectidos na culturas e tradicións de todos os pobos. Acorde con esta teoría, a Universidade de Vigo e o CSIC embarcáronse nun proxecto de divulgación astronómica que mañá presentará en sociedade os seus resultados, dentro da Semana da Ciencia. A Fundación Barrié de la Maza acollerá este sábado a Noite de Contos e Coplas das Estrelas, unha iniciativa que inclúe a tradución ao galego do libro Cuentos de Estrellas de Rosa Mª Ros e a edición do CD Coplas de Estrelas, que compila cancións tradicionais cuxo contexto ou inspiración está relacionado co mundo da astronomía.
Na rolda de prensa deste venres para presentar a Noite de Contos e Coplas das Estrelas, Ana Ulla, investigadora principal do grupo de Astronomía e Astrofísica; Francisco Domínguez, responsable da Unidade de Cultura Científica da Universidade e Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC coincidiron en salientar a clara aposta por poñer en contacto a astronomía e a cultura popular.
Domínguez destacou a implicación da Universidade coa Semana da Ciencia dende o ano 2003 e, definiu este proxecto como “a actividade estrela, polo seu propio nome”. Segundo explicou esta non é a primeira vez que dende a Universidade se organiza unha actividade de fomento e difusión da astronomía “pero esta ten a peculiaridade de unir a actividade científica coa cultura popular”.
Segundo engadiu Ana Ulla, “en Galicia hai moita afección ás astronomía, a ciencia máis universal de todas, e as tres universidades galegas teñen grupos de investigación traballando neste campo”. Pero máis aló do eido profesional, Ulla destacou a ampla rede de asociacións de astronomía, “tres tan só na cidade de Vigo” e apuntou que só fai falta un pouco de curiosidade para achegarse a esta disciplina”.

Os contos das estrelas

O proxecto de Contos e Cantos da Estrelas comprende dúas actividades complementarias. Por unha banda, a tradución ao galego do libro de Rosa Mª Ros Cuentos de Estrellas “ao que se engade un conto tradicional galego”, explica Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC. Así esta publicación reúne 14 relatos de todo o mundo que teñen como nexo o ceo e van acompañados dunha pequena explicación científica sobre o astro ao que se refire. A achega galega é o conto Recompensas e castigos divinos cos comentarios de Ana Ulla. A compilación inclúe relatos e historias dos Andes, da mitoloxía grega, da romana, da árabe, do Brasil, e México ou do Amazonas.

Os cantos das estrelas

A segunda parte do proxecto son os Cantos das Estrelas, un CD con dez temas que trata, segundo explica Ana Ulla, “de levar ata as últimas consecuencias a mestura entre ciencia e cultural tradicional”. O disco é o resultado dun traballo de campo de recolleita de coplas que fixesen referencia aos astros “dentro de tradición oral galega” xunco con outros tres temas, que fan o total de dez, de música tradicional: a cantiga nº 100 de Afonso X O Sabio, o Alalá de Vilalba con Susana Seivane e Deneb de Berrogüeto. “As pezas van dende o medievo ata os noso días e preséntanse dun xeito atractivo, para todos os públicos e todas as idades", apunta.

Presentación pública na Noite de Contos e Coplas das Estrelas

Tanto o libro como o disco serán presentados en público este sábado a partir das 20.00 horas na Noite de Contos e Coplas das Estrelas, un velada para todos os públicos na que haberá música, contacontos e conferencias. “Será unha noite de sorpresas aínda que podemos adiantar que haberá unha conferencia sobre astronomía e arte da man de Monserrat Villar, coordinadora xeral do Ano Internacional da Astronomía e contarase coa presenza da autora do libro, Rosa Mª Ros” e de máis persoeiros que axudarán a escenificar os contos e os cantos para o público. Os asistentes recibirán de balde un exemplar do libro e do CD, “dos que se fixo unha tirada de 1000 e que serán distribuídos polas bibliotecas públicas”, explicou a representante do CSIC.

Conferencia a vindeira semana

Para completar as actividades da Semana da Ciencia en relación á astronomía, a vindeira semana, o día 24 ás 20.00 horas, a sala da conferencias da Fundación Barrié de la Maza, acollerá a conferencia de Luis Felipe Miranda, do Instituto de Astrofísica de Andalucía. Presentado pola profesora Ana Ulla, afondará na evolución estelar e o descubrimento de auga nunha estrela moribunda.