DUVI

Diario da Universidade de Vigo

24 historias populares narradas en catro idiomas

"Contos de ida e volta", mostra de plurilingüismo que difunde o patrimonio cultural galego

Etiquetas
  • Vigo
Lucía Costas DUVI 07/11/2008
O Proxecto Ronsel ven de publicar Contos de ida e volta, unha escolma de 24 relatos presentes na tradición oral de Galicia. O volume está escrito en catro linguas diferentes: galego, castelán, inglés e francés, co obxectivo de achegar os nosos contos e lendas máis coñecidos a outras culturas.
Os textos foron escollidos e reescritos de catro antoloxías de narrativa galega oral e da revista Nós (1920-1936), polo poeta Xabier Xil Xardón, antigo alumno da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade. “O raposo e o galo”, “O merlo e a formiga”, “A madriña Morte”, “A filla casadeira”, “Chuscurruschús, señor cura!” e “O xastre valente” son algúns dos títulos que podemos atopar. Outros coma “Paxariño pinto” e “O tolo e o avisado” son froito das lembranzas do propio Xabier. O profesor Anxo Fernández Ocampo e Pablo Carpintero foron os encargados da coordinación da obra.

A temática dos textos

Contos de ida e volta intenta proxectar a sociedade na que vivimos tratando temas como a imaxe da muller e certas categorías socioprofesionais entre as que destaca o clero, categorizado satiricamente como dominante. De burla, de animais, lendas... historias todas elas que nos transmiten sentimentos diversos, dende a risa e a sorpresa, até o medo. Trátanse dunha colección de relatos que ademais de facernos soñar, pensar ou fabular, recollen parte do noso patrimonio cultural. Historias que viaxaron ao longo do tempo, farano agora entre culturas.
Ao movemento que nos transmite o título únese un dobre enigma: o da recomposición, por parte da sociedade galega tradicional, dos temas que forman o depósito dos contos populares en Europa e máis alá do noso continente; e o misterio do destino dos seus personaxes que eternizan a súa búsqueda de fortuna polo mundo adiante.

O Proxecto Ronsel

O Proxecto Ronsel, promotor da obra, xurde da colaboración entre as Consellarías de Cultura e Deporte, Innovación e Industria, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Xunta de Galicia e as tres universidades galegas. A realización do inventario, a salvagarda e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia constitúen o seu fundamento. A pretensión deste iniciativa, da cal é coordinador xeral o vicerreitor de Relacións Institucionais Iván Area, é a de documentación e investigación deste patrimonio, xunto coa súa promoción, protección, difusión e transmisión.