DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contundente derrota do equipo de rugby ante o líder da División de Honra B

Perdeu tamén o equipo da liga rexional e gañaron os xuvenís

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 21/01/2008

A visita desta fin de semana ao campo do líder, o Liceo Francés, saldouse para o Universidade de Vigo de rugby cunha contundente derrota. Os vigueses caeron por 53-3 nun partido moi desigualado que afrontaron coas baixas de Diego e Arri no último momento.
Estes dous últimos pasan a engrosar a lista de lesionados que nesta tempada está a deixar ao equipo universitario sen moitos recursos. Con todo, este encontro ante o Liceo Francés resultou ser dunha dureza excesiva en moitas accións, polo que o colexiado se viu obrigado a penalizar varios xogadores con tarxetas amarelas. Pero a desigualdade mantívose ao longo de todo o partidos e, xa no descanso, os de Aníbal Babini, pardían por 29-3.
Esta derrota impide aos vigueses saír dos postos de cola da clasificación da División de Honra B, polo que o vindeiro partido cada vez semella ser máis transcendental. O sábado reciben en Vigo ao Cornellá, o pechacancelas, ante o que se fai imprescindible a agardada vitoria que deixe respirar ao Universidade de Vigo e pensar na permanencia.

Sorte dispar en categorías inferiores

Pola súa banda, o equipo B tamén resultou derrotado en Vigo do seu enfrontamento co lider, o Lalín, cun resultado final de 5-25. A nota positiva da fin de semana púxoa o equipo xuvenil que se impuxo ao Ingleses de Vilagarcía por 20-10.