DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acordo foi asinado este xoves entre o reitor e o presidente executivo da empresa

Un convenio facilita a colaboración entre a UVigo e a multinacional Oesía en temas sobre ciberseguridade e transformación dixital

Abre a porta á cooperación tanto en temas de investigación como en actividades formativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/05/2021

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente executivo da multinacional española Oesía, Luis Furnells, asinaron este xoves un convenio de colaboración que facilitará  a posta en marcha de actividades conxuntas entre ambas institucións, tanto desde o punto de vista investigador como de carácter formativo nos ámbitos relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Enxeñaría electrónica, en especial para os sectores aeroespacial, seguridade e defensa, os tres eidos nos que a empresa está especializada. “A nosa idea é pór en marcha toda unha serie de accións conxuntas que irán desde o desenvolvemento conxunto de proxectos de investigación ata outro tipo de actividades inspiradas nos diferentes valores que compartimos ambas institucións, incluíndo, por exemplo, a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”, tal e como subliñou o reitor, intres antes de proceder á sinatura do acordo.

“Esta colaboración ofrécenos múltiples oportunidades nos diferentes ámbitos nos que estamos a traballar”, subliñou Furnells, facendo especial referencia ao mundo da Radio Definida por Software (SDR) e as comunicacións sen fíos seguras, “un tema clave en contornas de alta esixencia, tanto militar como civil, e nos que España ten unha importante oportunidade de colaborar a nivel internacional”, recalcou o presidente executivo da empresa, unha firma que na actualidade está presente en máis de 20 países e conta con 16 sedes en España e América Latina –Colombia e Perú-.

En datas vindeiras asinaranse convenios máis específicos 

“Para o Grupo Oesía é unha gran satisfacción asinar este acordo coa Universidade de Vigo, pois supón a confirmación da nosa aposta polo talento na comunidade de Galicia”, apuntou o responsable da empresa tras asinar un convenio que se agarda axude a impulsar as oportunidades para o talento xerado pola universidade e, ao mesmo tempo, “reforzar as capacidades da compañía e do sector tecnolóxico en xeral”. 

Con este acordo, que ten unha duración inicial de catro anos, ábrese tamén a porta a establecer novos procesos de colaboración, que serán obxecto de novos convenios de carácter xa máis específico, tanto con atlanTTic, centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, como con Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia.