DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola UVigo, coa colaboración da Universidade de Minho e a Deputación de Pontevedra

O convento de Santa Clara, escenario e obxecto de estudo dun curso sobre arqueoloxía da arquitectura

Centrado na análise das construcións históricas desde unha perspectiva interdisciplinar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Cursos
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/09/2023

Afondar na análise das construcións históricas con ferramentas arqueolóxicas é un dos obxectivos centrais do curso de extensión universitaria que ten no convento de Santa Clara tanto o escenario das súas sesións teóricas como o obxecto de estudo das súas clases prácticas, que toman como punto de partida o proxecto de intervención arqueolóxica realizado no convento. Unha trintena de estudantes, titulados e profesionais da arqueoloxía formaranse ao longo desta semana no estudo das construcións históricas dende unha perspectiva interdisciplinar. Esta ten como eixe a arqueoloxía da arquitectura, o estudo deste tipo de edificacións tendo en conta tanto o que hai baixo a terra como os elementos construtivos e decorativos, combinada á súa vez con técnicas e disciplinas como a historia da arte, a documentación xeométrica ou as tecnoloxías xeoespaciais.

Inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus e promovido coa colaboración da Universidade do Minho, a Deputación Provincial, o Museo de Pontevedra e a empresa A Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, o curso O estudo interdisciplinar das construcións históricas ten como directores ao profesor do Departamento de Arte, Historia e Xeografía da UVigo Victoriano Nodar e á investigadora da Universidade do Minho Rebeca Blanco Rotea. Ambos foron os responsables de inaugurar este luns, xunto co responsable da intervención arqueolóxica, Rafael Rodríguez, un curso que parte da “oportunidade incrible”, como sinalou Nodar, de poder levarse a cabo o propio espazo "obxecto de estudo”. Así, ao longo desta semana, combinaranse as sesións teóricas na igrexa do convento, cunha serie de prácticas no claustro, que permitirán ao alumnado “facer de novo o mesmo percorrido” realizado polo “equipo interdisciplinar que estivo traballando no edificio antes da súa restauración”, como engadiu Blanco. Deste xeito, esta formación busca formar profesionalmente ao alumnado “na investigación e xestión do patrimonio construído”, un campo, como lembrou Nodar, moi demandado actualmente nos proxectos de restauración e rehabilitación. 

No marco deste curso, Santa Clara acolle esta tarde unha conferencia aberta ao público sobre arqueoloxía da arquitectura, a cargo do catedrático da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) Agustín Azkárate. Tras trece leccións teóricas e seis clases prácticas, o curso celebrará este venres, ás 13.30 horas, o seu acto de clausura, no que está prevista a participación do vicepresidente da Deputación Rafael Domínguez, da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e dunha representante da Universidade do Minho.