DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública visitou o valedor do Pobo e ao Parlamento

De conversa cos deputados no Parlamento Galego

Son unhas actividades que permiten coñecer de primeira man o que se está a estudar na clase

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 30/03/2011

Que mellor xeito de afondar no que se está estudando que coñecelo de primeira man. Para isto, o alumnado de primeiro de Grao de Dirección e Xestión Pública fixo unha pausa nas súas clases teóricas para visitar en Santiago o valedor do Pobo e o Parlamento Galego co fin de que “vexan en directo as institucións e persoeiros dos que estamos a falar nas aulas e se poidan achegar á realidade na que se están formando”, comenta Álvaro López Mira, profesor da área de Ciencia Política e coordinador das xornadas. Recibidos polo vicevaledor do Pobo e posteriormente por deputados das tres forzas políticas do Parlamento, o alumnado aproveitou para realizar todo tipo de preguntas, “algunhas ata moi comprometidas”, recoñece.

Esta visita, tal como apunta López Mira, non é a primeira vez que se realiza, pero cada vez “apréndense cousas novas”. Desde a área de Ciencia Política consideran fundamentais estas actividades extra académicas, tanto é así que “xa está incluída no plan docente do novo grao”. O obxectivo desta saída céntrase en que o alumnado poida acceder ao coñecemento dunha forma directa, “para palpar a realidade das institucións centrais do noso sistema político e da xente que están decidindo sobre o destino da sociedade galega no día a día”, puntualiza o profesor de Ciencia Política.

Visita “moi enriquecedora”

En primeiro termo, foron recibidos polo vicevaledor do Pobo, man dereita do valedor do Pobo, o que explicou os aspectos xurídicos sobre os que traballan, pero afondou nos aspectos prácticos “para que o alumnado sexa consciente de como funciona verdadeiramente”. Das tres mil queixas que o valedor do Pobo recibe ao ano, destacou algunhas moi curiosas como “unha persoa que escribe seguido denunciando a presenza de marcianos no piso de arriba ou problemas de visualización da TDT nos pobos costeiros por influencia das mareas” e tamén temas máis serios como a intermediación realizada para a regulación das zonas de botellón ou en cuestións de ruídos. No Parlamento Galego, nunha visita guiada puideron disfrutar “do atractivo do edificio” ademais de comprobar in situ como se desenvolven as comisións de decisións “observándoas polo circuíto de televisión cerrado que teñen”. Tamén visitaron a biblioteca que a familia Carballo Calero cedeu ao Parlamento así como as sedes dos tres grupos parlamentarios.

Recibidos no hemiciclo por deputados de cada unha das forzas políticas, para o alumnado de Dirección e Xestión Pública foi “todo un luxo poder intercambiar opinións coa xente que vemos pola televisión e que ao fin e ao cabo decide por nós”, salienta o alumno Germán Martínez. Parece que lles soupo a pouco, porque a case media hora de quenda de preguntas fíxoselles breve, mais preguntaron de todo, desde cuestións estratéxicas ata preguntas máis políticas e comprometidas “como o feito de si están preocupados de que a opinión pública os considere un problema”, exemplifica López Mira. O certo é que “se amosaron moi abertos e próximos e responderon a todas as preguntas dos alumnos”.